Moción Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade

Compartir

No  pleno da Deputación Provincial de data 27 de setembro de 2013, o Grupo Provincial do PP presenta  de conformidade co establecido na normativa de aplicación,  para o seu debate no Pleno da Corporación a seguinte

MOCIÓN PARA A DECLARACIÓN DA RIBEIRA SACRA COMO PATRIMONIO DA HUMANIDADE

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A “Convención sobre a protección do patrimonio mundial cultural e natural” adoptouse pola Conferencia Xeral da UNESCO na súa XVII reunión celebrada en París o 16 de novembro de 1972.

O Programa Patrimonio da Humanidade ten como obxectivo catalogar, preservar e dar a coñecer sitios de importancia cultural ou natural excepcional para a herencia común da humanidade. Cada sitio Patrimonio da Humanidade pertence ao país no que se localiza pero considérase en interés da comunidade internacional e debe ser preservado para futuras xeracións. A protección e a conservación destos sitios son unha preocupación dos 189 países que teñen ratificado a convención.

Dentro da nosa provincia, compartida xeográficamente coa de Lugo, existe un espazo coñecido como “Ribeira Sacra” con méritos dabondo para ser incluido na lista do Programa Patrimonio da Humanidade, tralos trámites e traballos correspondentes. Un espazo cunhas características singulares e que o fan único tendo en conta factores morfolóxicos, climáticos, paisaxísticos, históricos, turísticos, artísticos e económicos. A Ribeira Sacra conta con tesouros de gran valor, que aínda son máis grandes ao apareceren vencellados conformando un conxunto excepcional.

A súa natureza, o seu patrimonio monumental ou os socalcos que siguen facendo posible o cultivo básico da zona: o viño.

A declaración da Ribeira Sacra como patrimonio da Humanidade conlevará importantes consecuencias positivas, apreciables tanto dende o punto de vista da conservación dos seus valores xeográficos e históricos como a elevación da calidade de vida da súa poboación tendo en conta a dinamización e o respaldo socioeconómico que xenera esa distinción.

A Deputación de Ourense, con este pronunciamento, pretende activar un procedemento que conclúa coa declaración da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade, poñéndose a disposición e requerindo a máxima implicación dos concellos que forman parte deste espazo, da Deputacion de Lugo e dos gobernos autonómico e estatal.

En virtude do exposto, proponse ao Pleno a adopcion do seguinte

ACORDO:

1-IMPULSAR a candidatura da RIBEIRA SACRA para a súa declaración como PATRIMONIO DA HUMANIDADE

2-Diríxirse ao Goberno Autonómico para poñer en marcha o procedemento correspondente para a formalización de dita candidatura e requerir a súa necesaria colaboración.

3-Instar ao Goberno de España para que, elaborada a candidatura, promova a dita declaración diante do Comité do Patrimonio da Humanidade da UNESCO.

4-Remitir aos concellos que forman parte do territorio obxecto da declaración e á Deputación provincial de Lugo este acordo para que se sumen a esta iniciativa.“