Servizo Ferroviario Ourense-Sanabria

Compartir

O grupo do Partido Popular na deputación de Ourense presentou para o seu debate no vindeiro pleno de data 25-01-2013 moción contra a supresión do servizo ferroviario entre Ourense e Puebla de Sanabria, propondo a adopción do seguinte acordo:

1- Manifesta a súa preocupación e o rexeitamento ante a decisión de suprimir o servizo ferroviario entre Ourense e Puebla de Sanabria.

 

2- Insta ao Ministerio de Fomento a que reconsidere esa medida e manteña a operatividade da conexión por ferrocarril entre Ourense e Puebla de Sanabria, evitando así a perda dese servizo público esencial de transporte para os concellos da provincia polos que transcorre.”

 

baseado na seguinte exposición de motivos:

 

O pasado vinte e oito de decembro de 2012 o Consello de Ministros aprobou o denominado "Plan de racionalización dos servizos de transporte ferroviario de viaxeiros de media distancia", que declara como obriga de servizo público todas as relacións ferroviarias cun aproveitamento superior ao 15 %.

 

Como consecuencia de dito plan mantense a conexión Santiago-Carballiño-Ourense e tamén, aínda que non chegan a ese 15 %, a de Ourense-Vigo (11,7 %) e a de Vigo-Ourense-Monforte-Ponferrada (12,9 %). No caso de Ourense-Puebla de Sanabria trátase dun servizo que non chega aos nove mil viaxeiros ao ano, investindo o erario público 371 euros por usuario, cando o viaxeiro paga 11,90 euros polo billete.

 

A preocupación da Deputación ante a supresión do servizo entre Ourense e Puebla de Sanabria é compartida cos alcaldes e cidadáns dos concellos polos que transcorre - A Mezquita, A Gudiña, Vilariño de Conso, Castrelo do Val, Verín, Laza, Vilar de Barrio, Baños de Molgas, Paderne de Allariz e Taboadela- polos efectos negativos que pode traer pois resulta evidente o impacto negativo desta medida no illamento e na incomunicación destas poboacións, que perderán un servizo público esencial como o transporte.