Moción presentada para o pleno de decembro

Compartir

O grupo provincial popular presentamos no día de hoxe para a súa aprobación no pleno de decembro a seguinte moción na defensa dos paradores de turismo de verín e de santo estevo e do mantemento da súa actividade durante todo o ano.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Tralas informacións coñecidas en días pasados sobre o posible peche dos paradores de turismo de Verín e Santo Estevo, sitos na provincia de Ourense, a preocupación, tanto no que atinxe ao eido laboral como económico e turístico, é crecente, dado que estamos a falar de dúas infraestruturas turísticas singulares que manteñen a súa actividade ao longo de todo o ano, e que contribúen a fornecer a oferta turística dunha das provincias de España con maior riqueza patrimonial, histórica e etnográfica.

A grave crise económica que todos os sectores da economía están a padecer leva a empresas, administracións e a toda a sociedade en xeral, a adoitar medidas de axuste, redimensionamento e aforro do gasto, para procurar unha mellor eficacia e eficiencia na xestión.

Tento en conta esta máxima, é preciso salientar que o sector turístico é, para unha provincia como Ourense, un motor que dinamiza a nosa economía, porque permite explotar as potencialidades e singularidades que temos. De aí, que calquera medida que poida prexudicar o avance e promoción da actividade turística, fai que Ourense se resinta nun dos seus destacados eidos de competitividade, como é o do turismo.

O Grupo Popular na Deputación de Ourense quere amosar a súa fonda preocupación polo posible peche dos paradores de Verín e Santo Estevo, e polas consecuencias que esta medida pode traer, tanto no ámbito laboral como económico.

Polo cal, proponse que a comisión informativa de Educación, Cultura e Deportes ditamine favorablemente a adopción por parte do pleno do seguinte

ACORDO

1.Instar á sociedade “Paradores de Turismo” e ás administracións competentes a que fagan todos os esforzos posibles para acadar acordos que permitan o mantemento da actividade dos paradores de Verín e Santo Estevo, para que a provincia de Ourense poida seguir contando con estas infraestruturas turísticas que supoñen un polo de atracción de visitantes ao longo de todo o ano.

2.Instar a “Paradores de Turismo” a que poñan en marcha os cambios necesarios para mellorar a rendibilidade dos paradores de Verín e Santo Estevo, con fin de garantir a continuidade da súa actividade económica e turística ao longo de todo o ano.