A Deputación, coa III Convivencia Profesional e Interuniversitaria da Educación Social que será en Lobios
Ourense, 24 de setembro de 2024.
Do 27 ao 29 de setembro, o concello ourensán de Lobios acollerá a celebración da III Convivencia Profesional e Interuniversitaria da Educación Social. Nela, máis de 200 profesionais e futuros profesionais da educación social galega e foránea compartirán tres días de encontro e un intenso programa de actividades que culminará coa celebración do festival de música Xurés Son, ao que se agarda que acudan máis de mil persoas.
A actividade, organizada desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e a Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense co apoio de numerosas entidades, entre elas as tres universidades galegas, foi presentada este martes. Asistiu a deputada de Política Social da Deputación, Patricia Torres.