A Deputación colabora coa IV Crianza Trevinca, unha feira que recupera os días 19 e 20 de outubro o espíritu máis tradicional de A Veiga
O deputado de Representación Institucional e presidente do Inorde, Rosendo Fernández, presentou este evento xunto co alcalde da localidade, Juan Anta
Ourense, 10 de outubro de 2024.
A Deputación de Ourense colabora, a través do Inorde, coa IV edición de Crianza Trevinca, unha feira con exposición agrogandeira que recupera o espíritu máis tradicional de A Veiga e de toda a comarca de Trives. Esta cita, pensada para toda a familia, terá lugar a fin de semana do 19 e 20 de outubro.
Na presentación da IV Crianza Trevinca participaron o deputado de Representación Institucional e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; e o alcalde da Veiga, Juan Anta. Fernández definiu a Crianza Trevinca como "exemplo para recuperar, manter e conservar viva a tradición rural. A singularidade rural da montaña e da gandeiría". Tamén quixo enxalzar Rosendo Fernández o esforzo do alcalde da Veiga, Juan Anta, "que fai o indecible para reivindicar e traballar desde a singularidade dun territorio, mantendo e potenciando o xeito de vida destas terras", e lembrando que "quen perde a memoria perde a súa identidade, algo que non é o caso da Veiga".
Juan Anta, pola súa banda, puxo en valor esta feira, polo seu carácter tradicional e pensado para o desfrute de toda a familia, conectando directamente co modo de vida onde a montaña e a gandeiría son as súas razóns de ser.