A Deputación colabora co Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro na XI CataArte
Esta iniciativa solidaria que harmoniza os viños do Ribeiro coa arte, terá lugar no Marcos Valcárcel os días 13, 20 e 27 de novembro
Ourense, 5 de novembro de 2025.
A Deputación de Ourense, en colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro, e a través do Centro Cultural Marcos Valcárcel, promove un ano máis un proxecto de harmonía dos viños coa arte e coa música na que vai ser a undécima edición de “CataArte”. A presentación desta iniciativa contou coa presenza do vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; co director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González; e presidenta do CRDO Ribeiro, Concha Iglesias; e a presidenta da Asociación Diabética Auria, Paz Gómez del Valle.
Esta iniciativa, altamente consolidada ao longo dos anos, desenvolverase os xoves 13, 20 e 27 de novembro. CataArte consiste na cata de viños dunha adega pertencente á D.O. Ribeiro no entorno dunha exposición artística e complementada cun concerto musical de entre 30 e 40 minutos. No eido vinícola, os colleiteiros Pousadoiro e Casal do Canteiro serán os protagonistas da primeira xornada, o 20 de novembro será o momento de coñecer máis polo miúdo o proxecto de Bodegas Casal de Armán e o broche final, na derradeira sesión, virá da man de Bodega Alanís. O apartado musical desta edición correrá a cargo de The Lie’s project (13 de novembro), Álvaro Alonso DJ Verbena (20 de novembro) e Besbellos (27 de novembro).
Novamente, esta edición contará co acceso en forma entrada solidaria, cun prezo de 5€ por sesión que se deberá adquirir unicamente a través do portal electrónico Entradium.com, sendo un ano máis un evento solidario que destinará todo o diñeiro recadado á Asociación Diabética Auria.
O vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, salientou o aspecto de compromiso social corporativo tanto do Ribeiro como da Deputación para apoiar esta iniciativa durante máis dunha década e puxo de manifesto que “o gran éxito de CatArte demostra que viño da D.O. Ribeiro, a arte e a música harmonizan á perfección”.
A presidenta do Consello Regulador D.O. Ribeiro, Concha Iglesias, tamén incidiu no compromiso das adegas con esta vertente social e na absoluta consolidación desta actividade ao longo dos anos. “Dende o seu nacemento, o Consello Regulador e o Centro Cultural Marcos Valcárcel fomos da man neste proxecto e agardamos seguir traballando xuntos en moitas máis edicións”, dixo a presidenta.
Paz Gómez del Valle, presidenta da Asociación Diabética Auria, agradeceu o apoio e a visibilización que con esta acción se conseguirá cara a asociación que dirixe, constituída no ano 2002 e que ten por misión reunir ás persoas con diabetes da provincia de Ourense e as súas familias, a fin de mellorar as súas condicións de vida e defender os seus dereitos sanitarios, educativos e sociais.