A Comisión do Transporte Metropolitano acorda instaurar un proxecto piloto nos concellos limítrofes da cidade para avanzar na solución desta “demanda histórica”

Compartir

Así o explicou o presidente provincial, Luis Menor, trala reunión mantida esta mañá, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, con responsables municipais dos concellos da comarca de Ourense e representantes dos diferentes partidos políticos 

Luis Menor valorou como “moi produtivo” este encontro no que  se acordou este avance para definir así o número de liñas e avanzar en cuestións técnicas como o número de paradas, frecuencias, a afección que tería nas liñas de transporte interurbano, así como os custes que suporía a implantación deste novo servizo

Ourense, 18 de marzo de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presidiu hoxe, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, unha nova reunión da Comisión do Transporte Metropolitano onde están representados os concellos da comarca de Ourense e os diferentes partidos políticos co obxectivo de sacar adiante “esta demanda histórica que afecta á practicamente toda a metade da poboación da nosa provincia”, sinalou Menor. 

Luis Menor valorou como “moi produtiva” esta reunión na que se acordou instaurar un proxecto piloto que afecta aos concellos limítrofes da cidade para poder definir o número de liñas e avanzar en cuestións técnicas como a definición das paradas, frecuencias, a afección que tería nas liñas de transporte interurbano e os custes que suporía a implantación deste novo servizo.

Desde a Deputación “lideramos” esta iniciativa co obxectivo de solucionar un “problema histórico de mobilidade para a cidade e a comarca de Ourense”, e tras varias reunións de traballo “podemos dicir que estamos dando avances sobre cuestións concretas que comezan a achegar solucións a esta situación”, salientou o presidente provincial.

Así mesmo, manifestou “esa vontade política” de todos os grupos de chegar a este acordo e trasladou o “compromiso firme” da Deputación de colaborar desde o ámbito técnico como económico, para dotar deste servizo aos ourensáns.