Luis Menor destaca en Xunqueira de Espadanedo o valor do rural e do sector gandeiro na segunda edición da Mostra de Gando Vacún e Equino

Compartir

O presidente provincial participou na visita a esta feira impulsada pola asociación A Espadana e o Concello, que reivindica as tradicións e o futuro do sector primario na comarca

Xunqueira de Espadanedo, 16 de maio de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na segunda edición da Mostra de Gando Vacún e Equino de Xunqueira de Espadanedo, unha iniciativa promovida pola asociación agrogandeira A Espadana coa colaboración do Concello, da Xunta de Galicia e da institución provincial.

Durante a visita á feira, Menor puxo en valor “o compromiso e o esforzo dos gandeiros e gandeiras que seguen apostando polo rural e por unha actividade fundamental para a economía e para a identidade da nosa provincia”.

O presidente provincial destacou tamén a importancia de iniciativas como esta para “manter vivas as tradicións, recuperar a memoria das antigas feiras da comarca e transmitir ás novas xeracións o orgullo polo noso rural”.

Luis Menor felicitou aos organizadores pola consolidación desta mostra, que na súa segunda edición continúa medrando e reforzando o seu obxectivo de converterse nun referente comarcal arredor do sector primario e da cultura tradicional.

A feira reuniu exposicións de gando vacún e equino, así como mostras de maquinaria agrícola, apeiros tradicionais e alfarería, un dos elementos máis representativos da comarca. Ademais, o programa incluíu actividades lúdicas e concursos populares como o levantamento de alpacas.

 O presidente provincial reafirmou o apoio da Deputación de Ourense a este tipo de iniciativas “porque representan unha maneira de entender a provincia desde o orgullo polas raíces, a defensa do rural e o impulso á actividade económica vinculada ao territorio”.

A organización trasladou tamén a súa vontade de seguir consolidando esta cita nos vindeiros anos, recuperando o espírito das antigas feiras de gando que se celebraban na comarca décadas atrás.