Luis Menor reivindica o papel esencial das persoas maiores como “alma do rural” en dous encontros de convivencia en Cualedro e Castrelo de Miño

Compartir

O presidente da Deputación participou na XIV Xuntanza dos Nosos Maiores en Cualedro e na V Festa do Maior de Castrelo de Miño, dous encontros que poñen en valor o papel fundamental das persoas maiores na vida social, cultural e humana da provincia

Ourense, 16 de maio de 2026.

A Deputación de Ourense, a través do seu presidente, Luis Menor, reivindica o papel esencial das persoas maiores como “alma do rural” en dous encontros de convivencia en Cualedro e Castrelo de Miño

O presidente provincial vén de participar na XIV Xuntanza dos Nosos Maiores de Cualedro e na V Festa do Maior de Castrelo de Miño, dous encontros que poñen en valor o papel fundamental das persoas maiores na vida social, cultural e humana da provincia.   

Ambos actos compartiron unha mensaxe común centrada no recoñecemento ás xeracións que contribuíron a construír os concellos e manter vivo o rural ourensán a través do esforzo, do traballo e dos valores transmitidos ao longo da vida.

Luis Menor destacou que “un pobo que honra aos seus maiores é un pobo que se respecta a si mesmo”, subliñando que as persoas maiores representan “a memoria, a experiencia e tamén o futuro” dunha provincia marcada polo peso do rural e pola importancia das pequenas comunidades.

 

Nas dúas celebracións, o presidente provincial incidiu no papel das persoas maiores como transmisoras da identidade colectiva, das tradicións e da cultura do esforzo, así como no valor da convivencia e dos encontros comunitarios como expresión dunha provincia cohesionada e orgullosa das súas raíces.

“Os nosos maiores son o corazón das aldeas e das familias”, defendeu Menor, reivindicando tamén a necesidade de seguir impulsando políticas públicas orientadas á mellora da calidade de vida das persoas maiores, ao fortalecemento dos servizos no rural e á loita contra a soidade non desexada.

O presidente provincial quixo reafirmar deste xeito o compromiso da  Deputación de Ourense cun modelo de provincia que sitúa ás persoas no centro e que entende o coidado, o respecto e o acompañamento aos maiores como unha prioridade social e institucional.