A Romaría Etnográfica Raigame reivindica en Vilanova dos Infantes a memoria do primeiro xornal en galego e a forza da cultura popular galega

Compartir

Luis Menor destaca Raigame como “a romaría etnográfica máis importante e singular de Galicia”, e un dos grandes orgullos culturais da provincia de Ourense

A edición de 2026 rende homenaxe aos 150 anos de “O Tío Marcos d’a Portela” e recoñece a Xosé Luis Méndez Ferrín co Premio Honorífico “Adolfo Enríquez”

Vilanova dos Infantes, 17 de maio de 2026.

Vilanova dos Infantes volveu converterse hoxe no gran epicentro da cultura tradicional galega coa celebración da XXIII edición da Romaría Etnográfica Raigame, unha cita organizada pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e o Concello de Celanova, coa colaboración da veciñanza da localidade.

Miles de persoas participaron ao longo da xornada nunha celebración que, un ano máis, reivindicou a riqueza etnográfica, lingüística e cultural de Galicia a través da música tradicional, os oficios artesáns, a gastronomía, o patrimonio e a memoria colectiva.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, destacou durante o acto institucional que Raigame é “a romaría etnográfica máis importante e singular de toda Galicia” e “un dos grandes orgullos culturais da provincia”, subliñando que esta celebración representa “a esencia do que somos como pobo”.

Menor puxo en valor o traballo desenvolvido ao longo de máis de dúas décadas para consolidar unha cita “auténtica, viva e profundamente ligada á identidade galega”, agradecendo especialmente o compromiso da veciñanza de Vilanova dos Infantes, das asociacións, dos artesáns e de todas as persoas implicadas na organización.

“Raigame non é só unha festa; é memoria, é tradición, é lingua e é futuro”, afirmou o presidente provincial, quen incidiu na importancia de seguir apoiando iniciativas que “defenden o patrimonio inmaterial e manteñen vivas as raíces culturais de Galicia”.

A edición deste ano estivo dedicada aos 150 anos da publicación de “O Tío Marcos d’a Portela”, o primeiro xornal escrito integramente en galego, impulsado por Valentín Lamas Carvajal. A programación incluíu exposicións, actividades divulgativas e contidos específicos arredor da figura do escritor e xornalista ourensán e da historia da prensa galega.

Outro dos momentos máis emotivos da xornada foi a entrega do Premio Honorífico “Adolfo Enríquez” ao escritor e xornalista Xosé Luis Méndez Ferrín, recoñecendo o seu compromiso coa cultura galega, coa literatura e coa propia Romaría Etnográfica Raigame, coa que mantén unha estreita vinculación persoal e emocional.

Ao longo de toda a xornada, Vilanova dos Infantes acolleu demostracións de oficios tradicionais, actuacións musicais, xogos populares, visitas guiadas, exposicións etnográficas e propostas culturais para todos os públicos. Máis de vinte agrupacións de música e baile tradicional participaron nun programa que tamén incorporou novidades como a visita guiada do antropólogo Xavier Viana ou o “Túnel do Medo” dedicado á figura de Romasanta, o lobishome galego.

A Romaría Etnográfica Raigame, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, consolídase así como unha das grandes referencias culturais e etnográficas do país, convertendo cada Día das Letras Galegas a Vilanova dos Infantes nun símbolo vivo da identidade galega.