A Deputación inaugura a exposición A diferenza repetida, do artista Uxío López

Compartir
A mostra poderá visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel e propón unha reflexión arredor do consumo, a repetición e a singularidade a través dunha serie de obras que dialogan entre si desde a diferenza
Ourense, 19 de xuño de 2026. O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense inaugura hoxe, ás 19.30 horas, a exposición A diferenza repetida, do artista ourensán Uxío López, unha proposta artística que afonda na relación entre repetición e diferenza, convidando ao espectador a cuestionar a aparente uniformidade das imaxes e dos obxectos cotiáns. A mostra constitúe unha variación da serie Agasallo consumista, iniciada polo autor no ano 2017, e nace da súa reflexión arredor da necesidade contemporánea de consumir e agasallar, mesmo cando non existe unha necesidade real que o xustifique. Segundo explica o propio artista, a orixe do proxecto atópase nos sobres de mensaxería empregados para recibir discos de música, elementos que foi acumulando ata convertelos no punto de partida dunha investigación plástica sobre o consumo e a memoria. En A diferenza repetida, Uxío López constrúe obras nas que elementos aparentemente iguais revelan pequenas variacións que os converten en pezas únicas. A través deste xogo visual, o artista procura “facer o diferente moi parecido, e viceversa”, explorando a fraxilidade da mirada e da memoria, así como a capacidade do espectador para percibir matices dentro da repetición. A exposición reúne un conxunto de obras que funcionan como variacións dun mesmo motivo, establecendo un diálogo continuo entre permanencia e transformación. Cada peza presenta diferenzas sutís que convidan a unha observación demorada e a unha experiencia activa por parte do público. Con esta nova exposición, o Centro Cultural Marcos Valcárcel continúa a súa aposta por achegar á cidadanía propostas artísticas contemporáneas que favorezan a reflexión e o diálogo arredor das linguaxes visuais actuais.