Luis Menor cualifica a Miguel Santalices, nomeado Fillo Adoptivo de Muíños, como “unhas das figuras máis respectadas, solventes e institucionais de Galicia”
O presidente provincial destacou que o homenaxeado nunca esqueceu as súas raíces na comarca da Baixa Limia, pese a que súa traxectoria levouno por outras terras. Unha faceta profesional que reflicte o que debe ser o “auténtico servizo público”, xa que na súa persoa conflúen dúas vocacións cun mesmo fin: o coidado dos demais, en referencia á súa condición de médico e como político
Muíños, 19 de xuño de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou esta tarde no acto de nomeamento de Miguel Ángel Santalices Vieira como Fillo Adoptivo do Concello de Muíños, persoa que cualificou como “unha das figuras máis respectadas, solventes e institucionais de Galicia”.
No complexo do Corgo, onde se celebrou o acto ante unha ampla representación institucional, política e da veciñanza, Luis Menor afirmou que recibir o título de Fillo Adoptivo no rural ourensán é unha enorme responsabilidade, porque significa que todo un concello “abre as súas portas xenerosamente” a unha persoa que, nacendo noutro lugar, “soubo sintonizar o seu corazón co latexado desta terra”.
Miguel Santalices, dixo o presidente provincial, nunca esqueceu as súas raíces na comarca da Baixa Limia, pese a que súa traxectoria levouno por outras terras. Unha faceta profesional da que Luis Menor afirmou é o mellor reflexo do que debe ser o “auténtico servizo público”, xa que na súa persoa conflúen dúas vocacións cun mesmo fin: o coidado dos demais, en referencia á súa condición de médico e como político, presidindo o Parlamento de Galicia desde 2016.
Un labor, este último, do que subliñou a necesidade de ter capacidade de diálogo, profundo respecto polas regras do xogo democrático e, fundamentalmente, un espírito conciliador, “virtudes institucionais que Miguel Ángel Santalices exportou a toda Galicia”.
Con todo, engadou o presidente da Deputación na clausura do acto, a mirada institucional de Santalices nunca perdeu a “perspectiva da realidade local”, sen esquecerse da importancia dun centro de saúde rural, da necesidade dunha estrada ou do valor de manter vivos os servizos en comarcas como a Baixa Limia.
Persoas como o homenaxeado “dignifican a política”, defendeu Menor, demostrando que se pode liderar o Parlamento de toda unha comunidade autónoma “sen soltar xamais a man dos pobos e as xentes que vertebran a nosa identidade”.
Concluíu as súas palabras felicitando ao alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, polo acerto á hora de acordar este recoñecemento, cuxa Laudatio correu a cargo da presidenta do Celta de Vigo, Marián Mouriño.