Cornamusas mediterráneas, por primeira vez, no Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas da Deputación

Compartir

O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou hoxe na presentación deste evento cultural que terá lugar os días 25 e 26 de xullo en Manzaneda e no que se darán cita centos de músicos de Galicia, Asturias, Cataluña, Madrid, Mallorca e Portugal

Ourense, 15 de xullo de 2025.

A Deputación de Ourense converterá ao municipio de Manzaneda no epicentro da música tradicional coa celebración do XVII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, o IX Serán de Seitura e a Noite Celta, que terán lugar os días 25 e 26 de xullo. A presentación deste evento tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; o alcalde de Manzaneda, Pedro Yáñez; o xefe da área de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices; e o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo.

O evento que é “un referente do folclore na Península e un gran complemento educativo á actividade da Escola de Gaitas”, dixo Rosendo Fernández, reunirá a centos de músicos de Galicia, Asturias, Cataluña, Madrid, Mallorca e Portugal.

Neste sentido, Foxo dixo que “Manzaneda foi un referente dos cantares de seitura” e que este certame contribúe a “poñer en valor os cánticos históricos e a dignificar a figura das cantareiras”.

Como novidade, nesta edición, o Certame traerá bandas de gaitas de Baleares, achegando as “cornamusas mediterráneas” a este evento, “o máis internacional de gaitas que se fai en Ourense e en toda Galicia”, sinalou Foxo, quen destacou o papel da Deputación como “exemplo de administración” que apoia a cultura.

Pola súa parte, Cecilio Santalices puxo en valor o carácter “histórico, etnográfico e cultural” deste certame que actúa como “factor dinamizador para toda a comarca”.

Programación

A cita comezará o sábado, 25 de xullo coa posta en valor do patrimonio oral e etnográfico a través do IX Serán da Seitura, a partir das 19.30 horas na praza da Igualdade. O evento, ademais de contar con diversas actuacións, servirá para render tributo á memoria de Ludivina Pérez Ricoi cunha ofrenda floral ante o seu monumento, ademais de render unha homenaxe póstuma a Aquilino Pérez Prieto da Vidueira.

Posteriormente, o programa continuará coa Noite Celta, que será ás 23.00 horas na Estación de Montaña de Manzaneda, e ao día seguinte, o domingo 26 de xullo, no Campo de Competicións de Cabeza de Manzaneda, terá lugar a gran fase final do certame, que este ano rende memoria a Gabino García, alcalde de Manzaneda entre 1974 e 1995.