A Deputación remata os traballos de limpeza en Viana con preto de 7.000 metros cúbicos de material retirado en A Bouza e Pixeiros
As actuacións, desenvolvidas entre o 1 e o 22 de xullo, permitiron recuperar a mobilidade tras os danos causados polas recentes riadas na “zona cero” da provincia
O balance final das intervencións pon en valor a estreita colaboración mantida en todo momento entre a Deputación, o Concello e a propia veciñanza, cuxa coordinación foi clave para a rápida resolución dos traballos
Viana do Bolo, 24 de xullo de 2026.
A Deputación de Ourense finalizou, este pasado 22 de xullo, as tarefas de limpeza e retirada de entullo provocados polas riadas nas localidades de A Bouza e Pixeiros, no concello de Viana do Bolo. Unha intervención na “zona cero” que se saldou coa retirada de preto de 7.000 metros cúbicos de material, demostrando unha vez máis a rapidez e capacidade de resposta da institución provincial ante as situacións de emerxencia, como aconteceu o pasado verán co vertedoiro da Rúa.
Os traballos, que se prolongaron durante un total de 15 días hábiles (do 1 ao 22 de xullo), máis tempo do estimado inicialmente debido ao volume de material e a dificultade da súa extracción pola proximidade ás vivendas. Deste xeito quedou restablecida a seguridade e os accesos nos puntos máis afectados polas intensas riadas.
Balance das actuacións
A zona da Bouza requiriu un maior esforzo operativo. Alí traballouse ao longo de 12 días para poder retirar os 6.000 m³ de material acumulado, cumprindo o obxectivo principal de despexar o terreo e acondicionar a contorna. Mentres que, en Pixeiros, inciáronse as tarefas unha vez quedou limpa a localidade da Bouza e os traballos realizáronse ao longo de 3 días retirándose en total preto de 600 m³ de entullo.
Para a execución destes traballos de gran calado, mobilizouse maquinaria de gran tonaxe, contando sobre o terreo con unha retroexcavadora de 30 toneladas e tres camións dumper para o traslado continuado dos residuos e terras.
O balance final das intervencións pon en valor a estreita colaboración mantida en todo momento entre a Deputación, o Concello e a propia veciñanza, cuxa coordinación foi clave para a rápida resolución dos traballos.