A Deputación mobiliza 1,1 millón de euros para cooperar cos concellos e reforzar a colaboración con iniciativas de desenvolvemento, sociais, culturais e deportivas

Compartir

Na Xunta de Goberno celebrada esta mañá aprobouse a concesión de axudas a sete concellos e unha mancomunidade por un importe total de 567.875,23 €, distribuídos en 13 subvencións 

 

Para colaboración con entidades concedéronse 28 subvencións por importe de 538.850 €, que se distribúen en 154.750 € para actividades empresariais, de produtores, comerciantes e desenvolvemento rural; 154.000 € para o terceiro sector e profesionais sanitarios; 23.000 € para agrupacións de Protección Civil; 38.100 € para cultura; e 169.000 € para o mundo do deporte

 

“Seguimos dando resposta ás necesidades que nos formulan, tanto desde o ámbito da xestión pública como desde as entidades privadas”, dixo o presidente provincial, Luis Menor, quen referendou unha vez máis a “decidida vocación municipalista” do Goberno provincial, así como os “positivos froitos que ten a colaboración público-privada”

Ourense, 27 de xullo de 2026.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou esta mañá a concesión de 41 axudas por máis de 1,1 millón de euros (1.106.725,23 €) para cooperar cos concellos e para reforzar a colaboración con iniciativas empresariais, de desenvolvemento do territorio, sociais, culturais e deportivas.

“Seguimos dando resposta ás necesidades que nos formulan, tanto desde o ámbito da xestión pública como desde as entidades privadas”, dixo o presidente provincial, Luis Menor, quen referendou unha vez máis a “decidida vocación municipalista” do Goberno provincial, así como os “positivos froitos que ten a colaboración público-privada”.

Cooperación cos concellos

No capítulo de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de axudas por un importe total de 567.875,23 €. Trátase de 13 subvencións a sete concellos e unha mancomunidade, entre as que destacan dúas accións.

Por unha banda, os 150.000 € destinados á construción do campo de fútbol de Viana do Bolo. Un proxecto que se enmarca “no plan de infraestruturas deportivas que a Deputación de Ourense impulsa neste mandato”, destacou Luis Menor, 

En segundo lugar destacan os 100.000 € que se investirán no acondicionamento da residencia de maiores de Padrenda. Unha iniciativa máis da Deputación en materia de infraestruturas sociais, que segue a converter a Ourense “no territorio de Galicia coa mellor cobertura de atención ás persoas maiores”, subliñou o presidente.

O detalle das axudas aprobadas para as entidades locais é o seguinte:

  • 150.000 € para a construción do campo de fútbol de herba artificial As Carretas, en Viana do Bolo, no marco do convenio asinado coa Deputación de Ourense, correspondente á anualidade de 2026.
  • 120.000 € para dúas actuacións do Concello de Padrenda: acondicionamento da residencia de maiores (100.000) e a reconstrución dun muro en Morgade (20.000).
  • 50.000 € ao Concello de Vilar de Barrio para o cofinanciamento do convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para saneamento en Arnuide.
  • 40.000 € para a reparación da rede de saneamento de Luíntra, en Nogueira de Ramuín.
  • 60.000 € ao Concello de Lobios para senllas accións: gastos de funcionamento do GES (40.000) e humanización do camiño na Vila (20.000).
  • 34.000 € en dúas axudas para o Concello de Ribadavia: actividades culturais (30.000), e mantemento do campo de fútbol (4.000).
  • 68.889,16 € destinados ao Concello de Vilardevós para tres accións: Plan de Igualdade (6.000); abastecemento e saneamento en Tomonte (46.096,91 €); e pavimentación na rúa Toural e rehabilitación do parque infantil (17.903,09 €).
  • 44.986,07 € a favor da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Verín, para a adquisición dun camión de recollida do lixo.

Colaboración con entidades

Para colaboración con entidades, na reunión desta mañá aprobáronse 28 subvencións por importe de 538.850 €, que se distribúen en 154.750 € para actividades empresariais, de produtores, comerciantes e desenvolvemento rural; 154.000 € para o terceiro sector e profesionais sanitarios; 23.000 € para as agrupacións de Protección Civil; 38.100 € para actividades culturais; e 169.000 € para o mundo do deporte.

Neste último capítulo, o deportivo, lembrou a aposta que a Deputación está a facer polo mundo do motor, coa segunda edición do programa “ Futuro motor”, en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo, e que está a permitir que un novo talento ourensán, Yeray González, adquira experiencia participando na Sandero ECO Cup Galicia cun coche de competición patrocinado pola Deputación. 

O seguinte é o detalle destas axudas:

  • 45.000 €. Consello Regulador de Monterrei para gastos de funcionamento, servizo de apoio de técnicos vedores e servizo de xestión de redes sociais.
  • 20.000 €. Asociación de Empresarios da área industrial de O Carballiño para gastos de funcionamento.
  • 10.000 €. Asociación de Comerciantes de Celanova Chea, para gastos de funcionamento e actividades.
  • 10.000 €. Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia, para gastos de funcionamento.
  • 10.000 €. IXP Castaña de Galicia, para gastos de funcionamento.
  • 56.750 €. GDR 10 Limia-Arnoia, para o programa A Terra 2025 (21.750) e 2026 (35.000).
  • 3.000 €. Asociación Xuntanza de Micólogos Os Cogordos, para gastos de funcionamento e actividades.
  • 60.000 €. Fundación Gavela con destino ao servizo de protección xurídica.
  • 43.000 €. Asociación Autismo Ourense para gastos de funcionamento.
  • 20.000 €. Asociación Escola Rural da Limia para o proxecto Ben-Estar.
  • 21.000 €. Fundación Discapacitados de Verín para gastos de funcionamento.
  • 10.000 €. Asociación Galega de Enfermaría Familiar para a organización do Congreso 2026.
  • 23.000 € a favor da Asociación Provincial de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ourense e Provincia para a xornada e actos de promoción do voluntariado.
  • 20.000 €. Fundación Carlos Velo para gastos de funcionamento e actividades.
  • 5.000 €. Asociación Cultural  Luarada para o Festival Internacional de Curtas de Comedia-Festival RIR de Allariz.
  • 5.000 €. Asociación Cultural Os Potiños para o Arenteiro Fotográfico e outras actividades.
  • 3.600 €. Capela Madrigalista de Ourense para o proxecto "Sacraurium, 3 concertos".
  • 3.000 €. Federación de Libreiros de Galicia para a Feira do Libro de Ourense.
  • 1.500 € para o Círculo Poético Ourensán para gastos de funcionamento e actividades.
  • 15.000 €. Asociación de Cabalistas O Mundil para gastos de funcionamento.
  • 12.000 €. Escudería Celanova para representación no campionato nacional de Kartcross.
  • 22.000 €. Escudería Luíntra para o Rally Ribeira Sacra 2026 (12.000 €) e a edición de 2024 (10.000 €).
  • 60.000 €. Escudería Ourense, para o 59 Rallye Ourense Recalvi.
  • 40.000 €. Federación Galega de Automobilismo, para fomento e o programa Futuro Motor da Deputación de Ourense.
  • 8.000 €. Federación Española de Karate para a liga nacional.
  • 10.000 €. Asociación Jockey Club Galicia para probas deportivas.
  • 2.000 €. Club Vespa Verin Val de Monterrei para gastos de funcionamento.