A Deputación reafirma o seu compromiso coa mellora de instalacións deportivas, achegando máis de 412.000 euros para o pavillón de Barbadás

Compartir

Rosendo Fernández participou hoxe nunha visita oficial ás obras de ampliación do polideportivo municipal, que suporán un investimento total de 1,2 millóns de euros financiados pola Xunta de Galicia, a institución provincial e o Concello

 

A actuación permitirá construír unha segunda planta con novos vestiarios e un espazo propio para o ximnasio, ademais de dotar o edificio dun ascensor

Barbadás, 13 de agosto de 2026.

O deputado provincial de Representación Institucional, Rosendo Fernández, acompañou hoxe ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, á directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e ao alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, na visita ás obras de ampliación do polideportivo municipal, unha actuación que permitirá modernizar estas instalacións e dar resposta ao incremento da súa actividade e do número de persoas usuarias.

O proxecto supón un investimento global de 1,2 millóns de euros, financiados pola Xunta de Galicia, a Deputación e o Concello.  A achega da institución provincial é de 412.417,53 euros, consignados no expediente de modificación de crédito aprobado en abril deste ano dentro do capítulo de cooperación coas entidades locais.

Tralo remate da visita Rosendo Fernández salientou que esta colaboración “demostra, unha vez máis, o compromiso do Goberno provincial coa mellora dos servizos públicos nos concellos e, neste caso, cunhas instalacións deportivas que xa son un referente para máis dun milleiro de usuarios”.

O deputado provincial destacou tamén “a importancia da cooperación entre administracións para facer realidade proxectos que repercuten directamente na calidade de vida da veciñanza”, ao tempo que valorou a dimensión supramunicipal destas instalacións. “A proximidade de Barbadás á cidade de Ourense fai que este polideportivo poida converterse tamén nunha alternativa atractiva para a poboación de toda a contorna”, afirmou.

A ampliación desenvolverase en dúas fases. A primeira contempla a habilitación do espazo interior e a instalación dun ascensor que comunicará as dúas plantas do edificio, cun investimento de 150.000 euros. Deste xeito, mellorarase a accesibilidade e substituirase a actual conexión mediante escaleiras exteriores.

A segunda fase centrarase na construción da nova planta sobre o pavillón, nun espazo actualmente ao descuberto, onde se habilitarán novos vestiarios e a estrutura envolvente do ximnasio.