A Real Banda de Gaitas inicia en Budapest unha xira centroeuropea para proxectar internacionalmente a música tradicional galega

Compartir

A formación musical da Deputación de Ourense actuou na praza Batthyány xunto a músicos húngaros que participarán na XLI Xuntanza Internacional de Gaiteiros os días 4 e 5 de setembro en Monterrei

A expedición continuará na República Checa, onde intervirá no Festival Internacional de Strakonice, antes de concluír a xira o 24 de agosto

Budapest, 21 de agosto de 2026.

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, baixo a dirección de Xosé Lois Foxo, iniciou en Budapest unha xira por Centroeuropa coa que continúa promovendo a música tradicional galega e difundindo internacionalmente o patrimonio cultural da provincia.

A formación provincial ofreceu unha emotiva actuación na praza Batthyány da capital húngara ante numeroso público. No concerto participaron tamén músicos húngaros que se desprazarán proximamente a Ourense para tomar parte na XLI Xuntanza Internacional de Gaiteiros.

A presenza da Real Banda de Gaitas en Budapest enmárcase precisamente nos actos de presentación deste encontro internacional, que se celebrará os días 4 e 5 de setembro no concello de Monterrei e que nesta edición estará dedicado á música tradicional húngara.

Durante a actuación, os 36 integrantes da agrupación ourensá interpretaron unha Suite de música galega e húngara, preparada especialmente para esta ocasión como homenaxe á cultura musical do país anfitrión e como símbolo da irmandade entre ambos os dous pobos.

Tras a súa estancia en Hungría, a Real Banda de Gaitas viaxará á República Checa para participar no Festival Internacional de Strakonice, unha nova oportunidade para amosar nun escenario internacional a riqueza e singularidade da tradición gaiteira galega. A xira concluirá o vindeiro 24 de agosto.

Estes actos contan coa colaboración das embaixadas de España en Hungría e de Hungría en España, reforzando o intercambio cultural que culminará en Monterrei coa celebración da XLI Xuntanza Internacional de Gaiteiros.