Luis Menor reforza na Bola a cooperación municipal cunha previsión de máis de 1,1 millóns de euros de financiamento neste mandato

Compartir

O presidente da Deputación mantivo un encontro coa alcaldesa, María Teresa Barge, para coñecer as prioridades e necesidades do municipio e visitar diferentes actuacións

Menor reivindica unha Deputación “útil, próxima e presente no territorio”, especialmente ao servizo dos concellos máis pequenos

A Bola, 27 de agosto de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello da Bola, onde mantivo un encontro coa alcaldesa, María Teresa Barge, no marco da rolda de contactos que desenvolve cos municipios da provincia para coñecer de primeira man as súas necesidades, prioridades e proxectos.

Durante a visita, Luis Menor e a alcaldesa repasaron a colaboración entre ambas administracións e abordaron os principais retos e actuacións de futuro do municipio. A xornada permitiu tamén coñecer sobre o terreo diferentes intervencións, entre elas a reposición do firme do camiño de Podentes a Podentiños, o novo firme en Espiñal e os traballos realizados na vivenda de Podentes, onde xa foi colocado o tellado.

“A Deputación está para axudar aos concellos a prestar mellores servizos aos seus veciños, vivan onde vivan”, destacou Luis Menor, quen reivindicou a importancia de manter unha relación directa e permanente cos gobernos locais. “Non se pode gobernar a provincia exclusivamente desde o Pazo Provincial; hai que estar no territorio, falar cos alcaldes e alcaldesas e coñecer os problemas sobre o terreo para buscar solucións desde a cooperación”, sinalou.

Máis de 1,1 millóns de euros no actual mandato

A cooperación económica da Deputación coa Bola supón unha previsión de 1.115.194,17 euros durante o mandato 2023-2027, dos que 692.194,17 euros corresponden ao Plan CooperOU e outros 423.000 euros ao cofinanciamento de subvencións concedidas durante este período.

Menor destacou especialmente o modelo CooperOU, que proporciona aos concellos estabilidade financeira e capacidade para decidir o destino dos recursos provinciais en función das súas propias prioridades. No caso da Bola, a achega do plan medra progresivamente ata alcanzar os 178.086,54 euros en 2026 e os 184.113,71 euros en 2027.

A colaboración provincial neste mandato está especialmente vinculada á mellora dos servizos básicos e das infraestruturas municipais. Entre as actuacións figuran investimentos en depuración e saneamento, nas redes de captación e abastecemento de auga, na mellora de vías e contornas ou na rehabilitación dunha vivenda destinada ao alugueiro.

Trátase, segundo salientou o presidente provincial, de actuacións que responden ás necesidades específicas dun municipio rural e que inciden directamente na calidade de vida da veciñanza: “Falamos de abastecemento, saneamento, vías municipais, vivenda e servizos públicos; cuestións fundamentais para garantir que vivir nun concello pequeno non signifique ter menos oportunidades ou peores servizos”.

Luis Menor enmarcou esta visita no compromiso adquirido ao inicio do mandato de manter unha Deputación próxima aos 92 concellos da provincia, poñendo especialmente os recursos económicos, técnicos e humanos da institución ao servizo daqueles municipios con menor capacidade.

“Hoxe vimos sobre todo a escoitar, a coñecer as prioridades do Concello da Bola e estudar como podemos seguir colaborando para darlles resposta”, concluíu o presidente da Deputación.