A Coral de Ruada e Marita Souto, Premios Ourensanía 2026

Compartir

O xurado concede por unanimidade o Premio Ourensanía á Coral de Ruada pola súa contribución á cultura galega e á proxección da identidade de Ourense durante máis dun século

Marita Souto recibe, a título póstumo, o Premio Ourensanía de honra pola súa excepcional traxectoria científica, docente e divulgadora e pola súa contribución ao estudo e valorización do patrimonio termal da provincia

Luis Menor destaca que ambos os recoñecementos representan “dúas maneiras extraordinarias de exercer a Ourensanía: preservando e transmitindo a nosa cultura e situando o patrimonio termal de Ourense no ámbito científico internacional”

Ourense, 16 de setembro de 2026.

O xurado dos Premios Ourensanía 2026 acordou por unanimidade concederlle o Premio Ourensanía á Coral de Ruada, en recoñecemento á súa extraordinaria e continuada contribución á cultura ourensá e galega, e outorgarlle, a título póstumo, o Premio Ourensanía de Honra a María Generosa -Marita- Souto Figueroa, pola súa excepcional traxectoria científica, docente e divulgadora e, moi especialmente, pola súa contribución ao estudo, coñecemento, valorización e proxección do patrimonio termal da provincia.

O xurado, presidido polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reuniuse no Pazo Provincial para deliberar sobre as diferentes propostas presentadas e valorar as traxectorias e os merecementos das candidaturas no ámbito dos valores que representa o concepto de Ourensanía.

Luis Menor destacou que os dous galardóns recoñecen “dúas maneiras extraordinarias de exercer a Ourensanía: preservando e transmitindo a nosa cultura e situando o patrimonio termal de Ourense no ámbito científico internacional”.

“A Coral de Ruada e Marita Souto comparten un profundo compromiso coa provincia, coa defensa do noso patrimonio e coa proxección de Ourense máis alá das súas fronteiras. Os seus legados forman xa parte esencial da memoria e da identidade colectiva da nosa terra”, afirmou o presidente provincial.

Coral de Ruada, máis dun século ao servizo da cultura ourensá

Fundada en 1918, a Coral de Ruada é unha das institucións culturais máis representativas da provincia e unha referencia fundamental na defensa, conservación e divulgación da música, o canto, o baile e a tradición popular galega. A súa historia está estreitamente ligada á evolución cultural de Ourense e a figuras e movementos esenciais da cultura galega do século XX, especialmente ao ambiente intelectual e galeguista que tivo na cidade un dos seus principais focos.

O xurado destacou que o labor da entidade transcende o ámbito estritamente musical. O seu compromiso coa lingua galega, coa cultura popular e coa creación dunha conciencia colectiva arredor do patrimonio converteuna nunha auténtica embaixadora de Ourense e de Galicia, levando o nome da provincia a numerosos escenarios de Galicia, España e outros países.

A distinción pon tamén en valor a contribución da Coral de Ruada á preservación e transmisión do patrimonio musical e cultural galego, tanto mediante a interpretación e divulgación do repertorio tradicional como a través da formación das novas xeracións. A entidade continúa desenvolvendo actividades relacionadas coa música tradicional, a polifonía, o teatro e o baile, ademais de organizar concertos, encontros, iniciativas culturais e programas formativos.

Para o xurado, a Coral de Ruada representa un extraordinario exemplo de compromiso asociativo, participación cidadá e fidelidade á identidade cultural. Ao longo das décadas soubo conservar as súas raíces sen renunciar á renovación, adaptándose aos novos tempos e mantendo unha presenza activa no tecido cultural e social da provincia.

A entidade conta xa con importantes recoñecementos, entre os que figuran a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense, a Medalla de Galicia, o Pedrón de Ouro, a Medalla de Ouro da Cidade de Ourense, o Premio Trasalba e o Premio Otero Pedrayo.

Marita Souto, unha vida dedicada á investigación e divulgación do termalismo

O Premio Ourensanía de Honra 2026 recoñece, a título póstumo, a María Generosa -Marita- Souto Figueroa como unha das grandes figuras da investigación termal ourensá. Química, farmacéutica, doutora, docente e investigadora, dedicou boa parte da súa vida a estudar con rigor científico as augas termais e mineromedicinais de Ourense.

A súa tese doutoral, centrada no estudo químico e analítico das augas termais e mineromedicinais da provincia, marcou o inicio dunha extensa traxectoria investigadora. O seu traballo contribuíu decisivamente a situar o termalismo ourensán no ámbito científico, achegando coñecemento, método e rigor ao estudo dun dos recursos naturais, históricos, culturais e económicos máis singulares da provincia.

Marita Souto foi pioneira na análise individual das fontes termais ourensás e realizou importantes achegas ao estudo dos seus compoñentes e propiedades, entre elas as investigacións relacionadas coa presenza de selenio nas augas termais.

A súa figura transcendeu, porén, o ámbito académico. Foi unha extraordinaria divulgadora e defensora do termalismo como patrimonio de Ourense, convencida de que as augas mineromedicinais debían ser coñecidas, estudadas, protexidas e aproveitadas como un recurso sanitario, científico, patrimonial e de desenvolvemento territorial.

A súa vocación de servizo quedou igualmente reflectida na súa faceta docente. Catedrática de Física e Química, exerceu como profesora e ocupou responsabilidades directivas en diferentes centros educativos, deixando unha fonda pegada entre xeracións de alumnos e compañeiros. Especialmente significativo foi o seu vínculo co Carballiño, onde foi directora e docente do IES nº 1 durante a década dos oitenta e onde naceu o seu interese polo termalismo ao coñecer as augas de Caldas de Partovia.

A relevancia da súa obra acadou tamén unha importante dimensión internacional. Foi delegada en España da Federación Mundial de Hidroterapia e Climatoterapia e membro da International Society of Medical Hydrology and Climatology. En 2025 incorporouse como académica de número da Real Academia Europea de Doutores, que salientou a súa condición de referente no ámbito da hidroloxía médica e do termalismo científico.

Ao longo da súa traxectoria recibiu recoñecementos como a Medalla Doutor Paul Couterier, a Medalla de Ouro de Termatalia e o Torques de Honra do Centro de Estudos Chamoso Lamas.

Para o xurado, Marita Souto encarna de maneira singular os valores que inspiran o Premio Ourensanía: o compromiso coa terra, a defensa e posta en valor do patrimonio propio, a excelencia no coñecemento, a vocación de servizo e a capacidade de proxectar Ourense máis alá das súas fronteiras.

Os Premios Ourensanía 2026 serán entregados no Teatro Principal de Ourense na véspera de San Martiño, patrón da Ourensanía. Durante o acto, Luis Menor fará entrega das figuras en bronce creadas polo escultor Xosé Cid e das copias das actas que acreditan a concesión dos galardóns.