Menor destaca o Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia como unha oportunidade para reforzar a posición de Ourense como referente termal
O presidente da Deputación salienta que a celebración deste encontro, que reúne a máis dun cento de participantes de sete países, permite “atraer coñecemento, talento e investigación altamente especializada” á provincia
Tamén reivindica Luis Menor a cooperación entre administracións, Universidade e sector privado para transformar o potencial termal en innovación, actividade económica, emprego e novas oportunidades para o territorio
Tal e como puxo de manifesto o presidente provincial, o Congreso que alberga a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus “abre unha semana na que Ourense se converte en capital internacional do termalismo”, coa celebración de Termatalia a partir do xoves
Luis Menor agradeceu tamén a sensibilidade da organización ao incorporar ao programa do Congreso dúas homenaxes a Luis Rodríguez Míguez e Marita Souto, “dúas figuras fundamentais para comprender a evolución e a dimensión acadada polo termalismo ourensán”
Ourense, 22 de setembro de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración do II Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia, que reúne durante dúas xornadas no Campus de Ourense a investigadores, profesionais, institucións e especialistas para abordar desde unha perspectiva científica e multidisciplinar o presente e o futuro do sector termal.
Luis Menor destacou a relevancia dun encontro que alcanza a súa segunda edición cunha marcada vocación internacional, congregando a máis dun cento de participantes procedentes de sete países de Europa e Sudamérica e 67 traballos, e felicitou ao comité organizador e ao comité científico polo traballo realizado para traer á provincia “un evento de excelencia científica destas características”.
Para o presidente provincial, estas cifras evidencian a capacidade de Ourense para “atraer coñecemento, talento e investigación altamente especializada” arredor dun recurso no que a provincia ocupa unha posición singular.
Cooperación para transformar o coñecemento en desenvolvemento
Na súa intervención, Menor puxo especialmente o foco na cooperación como elemento imprescindible para aproveitar todo o potencial das augas mineromedicinais ourensás. “O verdadeiro reto para un territorio é ser capaz de transformar un recurso natural extraordinario en coñecemento, oportunidades, actividade económica, emprego e capacidade de atracción”, sinalou.
Neste sentido, reivindicou a colaboración entre administracións, sector privado, profesionais e tecido empresarial e destacou particularmente o papel da Universidade. Menor definiu o Campus de Ourense como “un dos grandes motores de coñecemento e innovación da provincia” e como un aliado estratéxico para investigar os recursos propios, formar profesionais, incorporar innovación ao tecido produtivo e converter o coñecemento en desenvolvemento.
O Congreso constitúe, segundo explicou, unha mostra deste modelo de colaboración ao reunir Universidade, investigación, empresas, profesionais e institucións arredor dun obxectivo compartido.
Coñecemento e ciencia para reforzar a marca Ourense
O presidente da Deputación incidiu tamén na oportunidade que representa a celebración de encontros científicos internacionais para o posicionamento exterior da provincia.
“O termalismo é un dos principais factores singulares e diferenciais de Ourense, e esa singularidade debemos convertela tamén nunha ferramenta de posicionamento”, afirmou Menor, quen subliñou que cada investigador e especialista que participa no Congreso representa unha oportunidade para dar a coñecer os recursos termais, os balnearios, o territorio e a capacidade científica e profesional da provincia.
“Nun ámbito tan especializado como este, a reputación dun territorio constrúese tamén a través do coñecemento”, asegurou.
Ourense, capital internacional do termalismo
A celebración do Congreso dá inicio ademais a unha semana especialmente relevante para a provincia, xa que enlaza coa celebración, a partir do xoves 24, de Termatalia.
Para Luis Menor, ambas citas son diferentes pero complementarias: mentres o Campus concentra o coñecemento, a investigación, a reflexión científica e a formación, Termatalia conecta ese potencial coa internacionalización, a empresa, os destinos e as oportunidades de desenvolvemento e negocio.
“Ourense convértese esta semana en capital internacional do termalismo”, destacou o presidente, reivindicando unha ambición que vai máis alá da riqueza natural en augas mineromedicinais: “Non queremos limitarnos a ter termalismo. Queremos ser referencia no termalismo”.
Homenaxe ao doutor Míguez e Marita Souto
Luis Menor agradeceu tamén a sensibilidade da organización ao incorporar ao programa do Congreso dúas homenaxes a Luis Rodríguez Míguez e Marita Souto, dúas figuras fundamentais para comprender a evolución e a dimensión acadada polo termalismo ourensán.
“Non se pode construír futuro sen coñecer, respectar e agradecer o legado de quen nos precedeu”, afirmou Menor, destacando que esta semana constitúe tamén unha oportunidade para lembrar con afecto e gratitude a dous dos grandes referentes do termalismo na provincia.
O presidente provincial desexou finalmente que o Congreso sexa especialmente proveitoso tanto para os profesionais como para os estudantes e investigadores que comezan a súa traxectoria, confiando en que o coñecemento compartido nestas xornadas se traduza no futuro en investigación, innovación, empresas, novos proxectos e oportunidades para Ourense.