O Pleno da Deputación acorda dar pulo ao transporte metropolitano cun proxecto piloto para conectar os polígonos industriais da contorna
A proposta fai fincapé no mantemento do estudo xeral de extensión de oito liñas como marco de planificación, onde a Deputación continuaría exercendo a coordinación do proceso
A Corporación tamén aprobou varias iniciativas relativas aos plans de abastecemento na provincia, a declaración como zonas sensibles á contaminación por nitratos na conca do Limia, ou a realización de estudos para acreditar itinerarios históricos de peregrinación que non contan con recoñecemento oficial
Ourense, 25 de setembro de 2026.
O Pleno da Deputación de Ourense acordou hoxe impulsar o transporte metropolitano en Ourense, cun proxecto piloto de conexión cos polígonos industriais da contorna que busca facilitar o acceso aos centros de traballo, mediante servizos coordinados coa rede de transporte público e horarios axustados ás necesidades das persoas traballadoras.
A experiencia piloto, que se estendería durante doce meses, vería precedida dunha memoria técnica e económica específica para garantir a viabilidade, concretando os polígonos atendidos, núcleos de orixe, percorridos, paradas, puntos de intercambio, frecuencias e horarios adaptados ás quendas laborais, aspectos a contrastar cos concellos, persoas traballadoras e entidades representativas dos polígonos.
Proponse ademais un seguimento trimestral, avaliación aos seis meses e un informe final, analizándose o uso do servizo, puntualidade, adecuación horaria e o custo por viaxe, para decidir a súa continuidade, adaptación ou ampliación.
A iniciativa tamén formula que o Concello de Ourense remita ao comité técnico-político do transporte metropolitano, nun prazo de trinta días, a resolución, o acordo municipal e un informe sobre as actuacións pendentes e o calendario previsto.
As administracións implicadas deberán concretar as súas responsabilidades e achegas antes da posta en servizo. Pídese ao mesmo tempo á Xunta que presente, nun prazo de sesenta días, unha proposta inicial para a Área de Transporte Metropolitano que recolla o ámbito territorial, necesidades de servizo, coordinación coa rede urbana, financiamento e calendario de desenvolvemento. Apuntar ademais que se inclúe a comprobación dos equipamentos e adaptacións para un billete único, bonificacións e transbordos gratuítos.
A proposta fai fincapé no mantemento do estudo xeral de extensión de oito liñas como marco de planificación, onde a Deputación continuaría exercendo a coordinación do proceso.
Plans de abastecemento
Unha segunda moción aprobada esta mañá establece que a Deputación de Ourense buscará, en colaboración coa Xunta e a través de Augas de Galicia, unha solución financeira e técnica para dotar de auga potable aos núcleos de Cirós e Moreiriñas, no concello da Bola, ademais de reclamar unha avaliación detallada por concellos do Plan de Abastecemento de Galicia 2010-2015. A proposta insta á Xunta a aprobar un novo plan plurianual, cun plan específico para a provincia de Ourense, prestando especial atención ás zonas rurais e ás medidas fronte á seca.
Solicítase ademais o peche do Pacto Local da auga con tarifas xustas e transparencia nos investimentos, e un programa estable de apoio técnico e financeiro para os concellos pequenos e medianos.
Conca do Limia
A Corporación acordou, nunha nova proposta, que se proceda á declaración formal como zonas sensibles á contaminación por nitratos das masas de auga superficiais e subterráneas da conca do Limia, tal e como sinala o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de xullo de 2025.
Na iniciativa reclámase ao Goberno de España, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o cumprimento rigoroso das obrigas como Policía de augas, mediante a posta en marcha dun plan de choque urxente de inspeccións ambientais en todas as explotacións gandeiras da zona, nun prazo máximo de tres meses, así como controlar e publicar semanalmente o estado microbiolóxico e químico da auga do encoro das Conchas.
Itinerarios de peregrinación
Tamén o Pleno aprobou unha iniciativa para que a Deputación impulse e financie estudos para acreditar itinerarios históricos de peregrinación que aínda non contan con recoñecemento oficial, evitando así que o elevado custo das necesarias investigacións recaia sobre os pequenos concellos. En concreto, proponse iniciar esta actuación co Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa, a variante histórica de Vilardevós vinculada á Vía da Prata, e o roteiro procedente de Vilar de Perdizes que avanza cara a Xinzo de Limia, co obxectivo de impulsar o seu valor turístico e patrimonial de cara ao Ano Santo Xacobeo 2027.
O propósito final é que, unha vez acredítese o cumprimento dos requisitos esixidos pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, o Goberno autonómico inicie e axilice os procedementos correspondentes para outorgar a estes roteiros o recoñecemento oficial como Camiños de Santiago.
Asuntos de trámite
A delegación de competencias na Deputación en materia de recadación por parte dos concellos da Rúa e Petín, así como de abastecemento de Sarreaus, e unha modificación das bases de execución do orzamento de 2026 que afecta aos concellos de Celanova, Pontedeva, A Peroxa e dúas entidades, completaron a orde do día do pleno correspondente ao mes de setembro.