A Deputación, única administración pública que financia o programa Bule Bule de Provivienda, que axuda á emancipación da mocidade logo de saír do sistema de protección de menores

Compartir

A deputada provincial Patricia Torres visitou en Ourense a vivenda de inserción e transición vinculada a este programa que conta co apoio económico da institución provincial 

Ourense, 28 de setembro de 2026. 

A deputada provincial Patricia Torres Madureira realizou unha visita de traballo á vivenda de inserción e transición de Provivienda en Ourense para coñecer a actividade da entidade e, en particular, o desenvolvemento do Programa Bule Bule, subvencionado pola Deputación de Ourense, a única administración pública que actualmente financia este recurso. A achega provincial permite a Provivienda afrontar, entre outros gastos, o aluguer anual da vivenda.

Durante o encontro, Patricia Torres Madureira coñeceu o traballo do equipo profesional de Provivienda, entidade presente en Ourense que dá cobertura a unha media de 100 persoas, e o funcionamento deste programa, dirixido a mozos e mozas maiores de 18 anos que pasaron polo sistema de protección de menores e afrontan a transición á vida adulta. A iniciativa combina o acceso a unha vivenda temporal de apoio co acompañamento social, o asesoramento e a formación para favorecer a súa autonomía persoal e residencial.

Na visita participaron Ana Pardo Fernández, responsable territorial de Provivienda Galicia; Almudena Vázquez Sera, técnica responsable do Programa Bule Bule; Montserrat Rodríguez González, adxunta á dirección da Área de Benestar da Deputación, e Pili Nogueiras Rodríguez, responsable de Programas Transversais de Provivienda Ourense.

O encontro forma parte do seguimento que realiza a Deputación dos proxectos apoiados pola institución provincial e da súa colaboración coas entidades sociais que traballan pola inclusión e a igualdade de oportunidades da mocidade ourensá. Con este financiamento, a Deputación reforza o seu compromiso no eido dos servizos sociais e coa autonomía, a emancipación e a inclusión social da mocidade máis vulnerable da provincia.