A Deputación activa 980.410,45 euros en axudas para 16 concellos e cinco entidades da provincia
A Xunta de Goberno deu luz verde a 24 axudas municipais, por importe de 848.410,45 euros, e a outras cinco para entidades, por 132.000 euros
Desde que se retomaron as sesións executivas do goberno provincial, a institución vén de activar un total de 8.651.687,69 euros en achegas baseadas na cooperación
Ourense, 30 de setembro de 2026.
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense abordou hoxe 34 asuntos e aprobou 29 novas subvencións por un importe total de 980.410,45 euros. Na rolda de prensa posterior á sesión, o presidente provincial, Luis Menor, destacou que as achegas “dan resposta a necesidades concretas dos concellos e apoian o traballo de entidades que prestan servizos e dinamizan a provincia”.
Menor sinalou que, desde que se retomaron as xuntas de goberno o pasado 17 de agosto, a Deputación activou un total de 8.651.687,69 euros. “A utilidade dunha administración próxima mídese na súa capacidade para converter os recursos públicos en solucións: unha estrada que se arranxa, unha rede de saneamento que mellora ou unha entidade que pode ampliar a súa actividade”, afirmou.
Cooperación cos concellos: 848.410,45 euros
A Xunta de Goberno aprobou 24 subvencións para 16 concellos, co seguinte destino:
Manzaneda: 43.500 euros para o mantemento da estrada entre Raigada e O Bao; 8.542,60 euros para mesas de pícnic no parque infantil; e 70.000 euros para arranxo de camiños de varios núcleos.
Os Blancos: 50.000 euros para a amortización de débeda.
O Pereiro de Aguiar: 5.993,13 euros para o mantemento do campo de fútbol e 48.000 euros para melloras nos viais municipais da Granxa, Vilarchao e Cortiñas.
Boborás: 20.000 euros para rehabilitar a mina e o lavadoiro de Sande.
A Bola: 45.000 euros para o bacheado en núcleos do municipio e outros 45.000 euros para mellorar a rede de saneamento en Rubiás e Sorga.
Celanova: 34.986,85 euros para a mellora, reforma e acondicionamento de parques e xardíns.
Petín: 39.000 euros para acondicionar a rúa Mata.
Cortegada: 48.000 euros para reconstruír o muro de acceso ao balneario.
Cualedro: 58.000 euros para adquirir materiais e manter vías municipais.
Entrimo: 40.000 euros para pavimentar o camiño Alén–Aldea, na Pereira, e 11.000 euros para mellorar un camiño en Guxinde.
Gomesende: 60.000 euros para arranxar estradas e camiños de acceso a Viñal, Feardos e Sobrado.
Riós: 9.450 euros para mellorar a rede de saneamento; 13.783,97 euros para o Plan Marco 2026-2027; 8.799,99 euros para adquirir luminarias; e 2.613,55 euros para equipamentos de protección individual, maquinaria e ferramentas inventariables.
Leiro: 46.000 euros para mellorar a rúa Cruceiro do Olmo.
Sarreaus: 45.000 euros para a reparación de camiños e a mellora da seguridade viaria.
Verea: 47.350,06 euros para o bacheado e a pavimentación de varias pistas municipais.
Vilariño de Conso: 48.390,30 euros para unha actuación de mellora no núcleo de San Cristovo.
“Os concellos coñecen de primeira man as prioridades da súa veciñanza. A Deputación está ao seu lado para que poidan executar actuacións que melloran os servizos e os espazos públicos, tamén nos municipios con menos recursos”, subliñou Luis Menor.
Colaboración con entidades: 132.000 euros
No segundo bloque, a Xunta de Goberno aprobou cinco subvencións. A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense, AFAOR, recibirá 30.000 euros para a ampliación das súas instalacións, na anualidade de 2026. A Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Ourense contará con 60.000 euros para un proxecto de emprego dirixido a persoas maiores de 30 anos.
No ámbito deportivo, concedéronse 20.000 euros á Federación Galega de Atletismo para o meeting internacional e o campionato de España de federacións autonómicas de 2026, e 15.000 euros á Federación Española de Ximnasia para o campionato nacional de trampolín e estética de 2025. Ademais, a Asociación Cultural 40 Anos do Descenso do Miño recibirá 7.000 euros para exposicións e actividades vinculadas ao descenso do río Miño.
A sesión incluíu tamén modificacións do Plan provincial de cooperación relativas a actuacións en Piñor, Xinzo de Limia e Manzaneda, así como unha modificación do acordo de subvención para a primeira fase da ampliación e mellora do Museo da Limia, en Vilar de Santos.