O II Plan Provincial de Lectura da Deputación adhire a 66 establecementos comerciais de toda a provincia
A iniciativa, financiada pola Deputación de Ourense con 350.000 euros, contempla axudas de ata 20 euros para a adquisición de libros por parte da cativada e mocidade da provincia
O programa, desenvolvido en colaboración co Concello de Ourense, busca fomentar os hábitos lectores e facilitar o acceso á cultura entre a poboación infantil e xuvenil
O presidente provincial, Luis Menor, visitou esta mañá unha das librarías que se sumaron a esta iniciativa
Ourense, 14 de outubro de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe a Libraría Tanco, na cidade das Burgas, un dos 66 establecementos comerciais adheridos ao Plan Provincial de Lectura 2026, unha iniciativa que conta cun orzamento de 350.000 euros para facilitar a adquisición de libros entre a poboación infantil e xuvenil da provincia.
Durante a visita, Menor coñeceu de primeira man a participación deste establecemento no programa, que se desenvolve mediante un convenio de cooperación entre a Deputación e o Concello de Ourense e que ten como finalidade fomentar os hábitos de lectura e o acceso á cultura desde as idades máis temperás.
O Plan Provincial de Lectura está dirixido ás persoas nacidas no ano 2008 ou posteriores que estean empadroadas en calquera dos concellos da provincia. Cada beneficiario poderá adquirir un libro nun dos establecementos adheridos, cunha axuda máxima de 20 euros. No caso de que o prezo sexa superior, a diferenza deberá ser aboada pola familia.
A adquisición dos libros poderá realizarse entre o 15 de outubro e o 18 de decembro de 2026, quedando excluídos desta convocatoria os libros de texto, o material escolar e as publicacións periódicas.
O presidente provincial destacou a importancia da lectura como ferramenta para o desenvolvemento persoal e educativo dos máis novos, así como o papel que desempeñan as librarías na difusión da cultura e na promoción dos hábitos lectores.
Solicitudes e establecementos adheridos
As familias interesadas deberán tramitar a solicitude a través da plataforma dixital plandelectura.depourense.gal, na que tamén se poderá consultar a relación de establecementos comerciais adheridos á convocatoria.
Unha vez formalizada a solicitude, recibirán un código por correo electrónico ou SMS que deberán presentar na libraría escollida, xunto coa documentación identificativa correspondente, para efectuar a compra.
O programa permite adquirir os libros en calquera dos 66 establecementos participantes, situados nos distintos municipios da provincia, vinculando así o fomento da lectura coa actividade das librarías locais.