A Deputación e AEPA Ourense estudan impulsar un mapa de oportunidades para orientar a implantación de negocios autónomos na provincia
Luis Menor reuniuse coa presidenta da entidade, Ana Belén Fernández Valado, acompañada polo tesoureiro, José Manuel Díaz Barreiros, cos que abordou tamén a celebración do encontro “Ourense Territorio Emprendedor 2026”, previsto neste mes de outubro
Ourense, 20 de outubro de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo coa presidenta da Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense (AEPA Ourense), Ana Belén Fernández Valado, acompañada polo tesoureiro, José Manuel Díaz Barreiros, na que abordaron novas vías de colaboración para apoiar o traballo autónomo e facilitar a implantación de negocios na provincia.
Entre as propostas analizadas figura a elaboración dun mapa de oportunidades que permita identificar posibilidades de actividade económica no territorio e orientar as decisións das persoas que queren poñer en marcha un negocio por conta propia. Trátase dunha iniciativa que se propón promover desde a institución provincial en colaboración coa asociación.
Durante o encontro, Luis Menor destacou o peso do colectivo autónomo na estrutura económica ourensá, cunha presenza superior á media nacional. Neste contexto, sinalou que as accións destinadas a mellorar as súas condicións teñen unha especial repercusión na provincia e recoñeceu o traballo que desenvolve AEPA Ourense.
A reunión serviu tamén para abordar a celebración de “Ourense Territorio Emprendedor 2026”, unha xornada organizada pola asociación que terá lugar nos vindeiros días na sede da Confederación Empresarial de Ourense.
O encontro reunirá profesionais, persoas autónomas e emprendedoras, entidades e institucións para poñer en común a realidade do traballo autónomo e do pequeno negocio. Unha cita que permitirá analizar as posibilidades do emprego por conta propia desde unha perspectiva nacional e abordar novos instrumentos para orientar o emprendemento na provincia.