A Deputación e o Consello da Cultura Galega colaborarán na difusión do legado de Carlos Casares no 25º aniversario do seu pasamento

Compartir

O presidente provincial, Luis Menor mantivo hoxe a primeira reunión de traballo coa nova presidenta do Consello da Cultura Galega para analizar iniciativas conxuntas ao redor da figura do escritor Carlos Casares, o programa “No bico un cantar” e a dixitalización de fondos do Arquivo da Emigración 

Ourense, 21 de outubro de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, mantiveron hoxe un encontro institucional no Pazo Provincial para analizar as liñas de colaboración entre ambas entidades. 

Trala reunión, Menor explicou que a Deputación colaborará co Consello da Cultura Galega en posibles actividades que se organicen con motivo do 25º aniversario do pasamento do escritor e ex-presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares, que se celebrará o vindeiro ano. 

Así mesmo, acordaron que a provincia de Ourense e, concretamente, a vila do Carballiño sexa a sede do concerto infantil e xuvenil “No bico un cantar” no ano 2028, proxecto do Consello da Cultura Galega que reúne música e poesía e que leva a distintos lugares de Galicia a celebración da cultura e da lingua galegas.

Por outra banda, o Consello da Cultura Galega trasladou o seu interese en contribuír á difusión e á posta en valor de fondos de grande interese para a cultura galega conservados na provincia, entre eles os relacionados con Rodolfo Prada, Alberto Vilanova e Eduardo Blanco Amor. Neste sentido, abordouse a posibilidade de explorar vías para a dixitalización e divulgación destes materiais a través do Arquivo da Emigración Galega do CCG, co obxectivo de facilitar o seu coñecemento e acceso.

Por último, Luis Menor comprometeuse a poñer á disposición do Consello da Cultura Galega, espazos expositivos no Centro Cultural Marcos Valcárcel, para acoller en Ourense futuras exposicións itinerantes promovidas pola entidade cultural.