A Deputación presenta “Cruzando o mar intransitable”, unha viaxe pictórica de Tony Lane entre Galicia e Nova Zelandia

Compartir

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle desde hoxe unha exposición de 23 pinturas, moitas delas de gran formato, que exploran a relación do ser humano coa natureza

O artista, que reparte a súa residencia entre Auckland e Esposende, atopa na paisaxe e na historia de Galicia unha das principais fontes de inspiración da súa obra

Ourense, 06 de novembro de 2026.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense inaugura este venres a exposición «Cruzando o mar intransitable», do artista neozelandés Tony Lane, nun acto presidido polo director da Área de Culura, Marcos Vázquez. A mostra reúne 23 pinturas, moitas delas de gran formato, que convidan a reflexionar sobre o lugar do ser humano e da vida na natureza, a través dun diálogo entre paisaxes, culturas e experiencias de ambos os extremos do mundo.

Galicia ocupa un lugar destacado neste universo creativo. Lane, que alterna a súa residencia entre Auckland e a súa casa de Esposende, na contorna de Ribadavia, mantén unha estreita vinculación coa nosa terra. «Galicia ten unha profunda resonancia emocional para min, tanto na súa paisaxe como na súa historia», explica o pintor.

Esta conexión está presente tamén no propio proceso de elaboración das obras. A maioría dos lenzos concibidos para a exposición foron pintados no seu estudo de Auckland, transportados polo artista en varias viaxes transoceánicas e rematados no seu estudo de Esposende. A mostra é, así, o resultado dunha viaxe material e creativa entre Nova Zelandia e Galicia.

Nas súas composicións, Lane combina elementos da paisaxe con formas xeométricas, símbolos e referencias á historia da arte. Nubes, auga, horizontes e figuras suspendidas configuran unha linguaxe visual propia, na que conviven o figurativo e o abstracto, o cotián e o espiritual. As pinturas propoñen unha experiencia de contemplación aberta á mirada e á interpretación de cada visitante.

Un catálogo para afondar no diálogo entre as dúas culturas

A exposición acompáñase dun catálogo editado pola Deputación de Ourense, cun ensaio en galego e inglés de José Colmeiro, titular da Cátedra Príncipe de Asturias da Universidade de Auckland. Baixo o título «Diálogos visuais entre dúas augas», o autor analiza os vínculos da pintura de Lane coa natureza, a memoria e a tradición artística, así como o encontro entre Galicia e Nova Zelandia que atravesa a súa obra.

A chegada desta mostra ao Marcos Valcárcel dá continuidade á relación expositiva do artista con Galicia, onde en 2025 presentou «Serenidade» na igrexa de Santa María Magdalena de Ribadavia.

Unha traxectoria internacional

Nado en Katikati, Nova Zelandia, en 1949, Tony Lane licenciouse en Belas Artes pola Universidade de Auckland en 1970. Ao longo da súa carreira viviu e traballou en diferentes países e presentou a súa obra en cidades como Nova York, Londres, Sídney ou Barcelona.

As súas pinturas forman parte de numerosas coleccións públicas e privadas de Europa, Estados Unidos, Australia e Asia. A súa exposición en Ourense ofrece a oportunidade de achegarse a unha traxectoria internacional que atopa en Galicia un espazo de vida, creación e inspiración.