A Deputación apoia a XIII Festa de Exaltación do Porco ao Espeto da Merca

Compartir

O pavillón da Merca acollerá o próximo sábado, día 14 de setembro, a XIII edición da Festa do Porco ó Espeto, unha celebración que conta co apoio da Deputación e "onde ademais da exaltación dun produto gastronómico de calidade tamén se mesturan a historia e a tradición".

O pavillón da Merca acollerá o próximo sábado, día 14 de setembro, a XIII edición da Festa do Porco ó Espeto, unha celebración que conta co apoio da Deputación e "onde ademais da exaltación dun produto gastronómico de calidade tamén se mesturan a historia e a tradición", declarou o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, durante a presentación deste evento que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde tamén participaron os representantes da organización, Manuel Carrera e Luis Vieira, presidente e tesoureiro da asociación Peneda da Lebre, acompañados polo concelleiro da Merca, José Manuel Taín.

Rosendo Fernández puxo en contexto unha festa que vai máis aló da gastronomía, "pois ten as súas orixes no século XVII, en torno ao ano 1620, coa figura dos marrelleiros ou tratantes de porcino". Unha importante actividade que daría lugar á celebración, os días 26 de cada mes, a unha feira de gando "mesmo nomeada polo Padre Feijóo e considerada no seu momento como a máis importante desde Ponferrada ata Portugal". Ademais, sinalou, nesta tradición tamén conta a semana festiva que se comezou a celebrar a finais da década dos 70 do pasado século e que incluía un apartado cultural coa homenaxe a artistas e escritores.