O grupo provincial popular presenta un decálogo de propostas para o pleno extraordinario do debate sobre o estado da provincia
Para o vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, o documento recolle aspectos estratéxicos para o futuro desta provincia, “pero que tamén abranguen unha completa representación de todas as actividades que desenvolve a institución provincial”.
As propostas van dende a creación dunha Zona Franca de Ourense ata unha feira anual con todas as denominación de orixe de viño da provincia ou unha especial atención á figura de Carlos Casares, a quen estará adicado o Día das Letras Galegas 2017.
Dinamización económica, emprego e emprendemento, medio rural, termalismo, viticultura, cooperación cos concellos, cultura e patrimonio e igualdade son os ámbitos aos que se refiren as dez propostas de resolución que o grupo provincial popular presentará no pleno extraordinario do debate sobre o estado da provincia, que a Deputación de Ourense celebrará o próximo mércores, día 16.
Un decálogo que “recolle aspectos estratéxicos para o futuro desta provincia, pero que tamén abranguen unha completa representación de todas as actividades que desenvolve a institución provincial”, dixo o vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, que na presentación do documento estivo acompañado polos deputados Pablo Pérez, Plácido Álvarez e Ana Villarino.
Rosendo Fernández, que apuntou que o PP era o primeiro partido en presentar as súas proostas, destacou as proposicións referidas á viticultura, “coa celebración dunha feria-exposición anual na que estarían presentes todas as denominacións de orixe da provincia”, e o termalismo, “ámbito no que se quere impulsar un completo sistema de información sobre as propiedades terapéuticas das augas mineromedicinais, en concordancia coa aposta polo turismo de saúde”, explicou.
A dinamización económica “é unha cuestión básica para o futuro de Ourense que non pode quedar fora, baixo ningún concepto, deste documento de propostas”, apuntou o deputado popular ao referirse á liña de actuación que avoga por promover a creación dunha Zona Franca para Ourense, que se concentraría no polo industrial existente en torno ao polígono de San Cibrao e a Tecnópole. Tamén no ámbito económico se recolle a colaboración activa co Viveiro de Empresas e as Antenas Locais de Verín e O Barco que xestiona a Cámara de Comercio, co fin de potenciar o emprendemento e axudar á creación de emprego.
“O medio rural é unha das principais bazas coas que contamos na provincia á hora de falar de oportunidades e potencial, e por iso imos propoñer unha liña de actuación específica para os montes veciñais en man común”, apuntou Rosendo Fernández, explicando que se trata de ofrecer asesoramento para a constitución e xestión destas entidades, con especial atención á posta en marcha de proxectos que xeren riqueza e emprego no rural.
Como institución provincial, “a cooperación cos concellos é a pedra angular da Deputación”, sinalou Fernández á hora de se referir as proposicións dunha asistencia específica para elaboar relacións de postos de traballo por parte das entidades locais, así como tamén inventarios de bens municipais. A este punto se suma o pulo á calidade dos servizos públicos con enquisas de avaliación que permitan afondar na transparencia da xestión e na permanente mellora”.
No ámbito da cultura, o grupo provincial popular entende que a celebración do Día das Letras Galegas 2017, que estará adicado a Carlos Casares, é merecente dunha programación especial para poñer en valor a figura e a obra do escritor limián, que mesmo podería incluír un premio co seu nome. “Unha ocasión moi especial para reivindicar a Ourense como terra de escritores e intelectuais esenciais na historia de Galicia”, dixo Rosendo Fernández. O complemento neste capítulo chega da man da proposta de constitución dunha comisión provincial de patrimonio, que se encargaría de estudar medidas de rehabilitación, conservación e difusión.
Por último, o decálogo de propostas inclúe a redacción dun plan de igualdade para a Deputación.