Pablo Pérez: “o servizo de Vías e Obras funciona con axilidade e mesmo ten unha moi boa valoración entre alcaldes do PSOE”
O deputado de Cooperación do grupo provincial popular rexeita a demagoxia da oposición socialista ao pedir a renovación do modelo das brigadas, prevista xa no Plan 15-19.
“As brigadas de Vías de Obras da Deputación de Ourense teñen unha moi boa valoración entre os alcaldes da provincia, mesmo entre os rexedores socialistas”, afirma o deputado de Cooperación do grupo popular de goberno, Pablo Pérez, en resposta ás críticas do PSOE sobre este servizo. Pérez rexeita a demagoxía da oposición socialista á hora de falar dun departamento que se caracteriza pola súa axilidade, por facilitar as peticións de axuda a través de internet e por respectar unha rigorosa orde de chegada das solicitudes.
Unha vez máis, lamenta o deputado popular, “as aportacións dos socialistas son unha folla en branco, só cheas de críticas nas que queda en evidencia que non coñecen nin leron o plan Ourense 15-19, onde figuran perfectamente definidos todos os proxectos que o PP se comprometeu a executar, entre eles a revisión do modelo das brigadas de Vías e Obras”.
Pablo Pérez defende o papel esencial que xogan as brigadas de Vías e Obras no ámbito da cooperación cos concellos “polo que calquera cambio, pensando no futuro, require dunha análise profunda para presentar un novo modelo, previsto no plan para marzo de 2018”.
O deputado Pablo Pérez recomenda ao grupo socialista da oposición que antes de criticar a acción de goberno lea con detemento o plan Ourense 15-19 e así comprobe cales son as actuacións previstas e o seu calendario.
Unha vez máis, engade Pérez, o PSOE amosa unha notable carencia de iniciativa política, centrándose tan só na crítica gratuíta “e sempre para poñer sombras sobre a actividade dunha institución que logo demandan e defenden os seus propios alcaldes”.