Comunicado do grupo provincial do PP. Pleno do 29 de outubro de 2015

Compartir

El PP de Ourense rexeita a actitude dos grupos da oposición ao ausentarse do pleno, privando aos cidadáns do debate sobre temas importantes. Consideran incoherente que os socialistas invocaran o código ético que antes rexeitaran e esperan que renuncien ás dietas por esta sesión.

O grupo provincial do Partido Popular de Ourense expresa o seu total rexeitamento á incomprensible e irresponsable actitude amosada esta mañá polos grupos da oposición, ao ausentarse do pleno ordinario celebrado no Pazo Provincial. Esta ausencia supón un desprezo absoluto e unha burla aos cidadáns da provincia, aos que se lles priva do debate de asuntos de gran importancia para os seus concellos, como é o caso do plan especial de cooperación ás obras e servizos do Concello de Ourense, que inclúe proxectos tan importantes para a capital como a reforma da rúa Concello.

O grupo provincial denuncia o total desinterese amosado polos grupos da oposición neste pleno, máis interesados en cuestión de índole persoal que en atender as obrigas contraídas cos seus votantes e mailo resto dos cidadáns, nunha rexeitable extratexia dirixida a desprestixiar ao seu presidente, á propia institución e o partido de goberno. Non se entende como os partidos da oposición presentan mocións para o seu debate no pleno, cando logo e de xeito unitario xa tiñan decidido ausentarse da sesión. Ademais, resulta incongruente que o grupo provincial do PSdeG-PSOE faga uso do código ético da Deputación de Ourense cando no seu momento votaron en contra da súa aprobación.

O grupo provincial do Partido Popular agarda que os deputados do grupos da oposición, seguindo coa súa “congruencia e comportamento ético” renuncien ás dietas que lles corresponderían pola asistencia a este pleno.