A Deputación provincial traballa en programas e accións encamiñadas a conquerir unha provincia sostible e conectada que contribúa ao desenvolvemento do territorio e o fornecemento de valores, tendo claro que as administracións públicas teñen que ser máis centros de liderado e menos centros de poder, contribuíndo a facer a vida mais fácil á veciñanza.
No que atinxe á oportunidade de impulsar o sector da economía Verde, a economía circular, o aproveitamento debe ir vencellado aos grupos empresariais de referencia nacional e internacional asentados na provincia, tanto no ámbito da construción como da xestión e reciclaxe de residuos. Impulsando un ecosistema para a creación de emprego, integración e desenvolvemento profesional de traballadores mozos nun sector que rexistrará un gran crecemento da demanda no futuro. Asemade, debemos facilitar a creación dos elementos necesarios para impulsar un ecosistema de innovación, a partir do impulso de estratexias de colaboración público-privadas que aposten tanto polo coñecemento existente como pola inmersión en novos saberes aplicados que se conecten coa agroalimentación e coa economía verde. Temos que ser capaces de artellar sinerxias entre estes tres vectores e intentar explorar e avanzar en novas fortalezas.
Por outra banda, a Deputación de Ourense está vencellada coa economía social abrindo fiestras pechadas e afondando na igualdade de oportunidades: a ourensanía constrúese a través de aspectos clave coma a empatía e a sensibilidade.
Hai un fío condutor entre as políticas inclusivas e o concello dos concellos, un goberno provincial que encaixa a visión integral e a social do territorio. Porque despois de implicarse en procesos impulsados por este goberno provincial, coma a toma de decisións que levaron á instalación en Ourense do Centro de Innovación de FP Eduardo Barreiros, os seus novos proxectos amosan o liderado na empregabilidade dos colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral.
O proxecto reactiva mulleres Ourense, que ten por obxectivo axudar a mulleres que perderon o seu emprego a causa da crise xerada pola pandemia. O programa é froito da colaboración institucional que manteñen CEO e Deputación de Ourense e que se materializa nesta ocasión en acción concretas ante o desemprego feminino.
Tamén o programa ChegOU que resume dúas coordenadas estratéxicas deste goberno provincial: o eixo social e a eficacia administrativa. Dous compromisos chave na resposta ás demandas dos veciños da provincia que pon en valor a capacidade do equipo da área de Benestar para "seguir mellorando ano a ano este programa". Activado en 2016, despois de sumar o pasado ano o sistema de acompañamento dixital para loitar contra a exclusión dixital, o ChegOU modificou as súas bases nesta convocatoria para poder dar cobertura, con carácter retroactivo ao ano 2022, aos refuxiados -na súa gran maioría mulleres- acollidos na provincia despois da invasión rusa de Ucraína.
Como referencia, o pleno da Deputación de Ourense ven de aprobar en febreiro de 2023 unha modificación de crédito por importe de 20,1 millóns de euros que impulsará o desenvolvemento de 263 proxectos e servizos postos en marcha por concellos e entidades sociais, económicas, culturais e deportivas. En cooperación con entidades, o expediente destina 2 millóns de euros para colaborar con 73 axentes sociais, económicos, culturais e deportivos do territorio, tanto como axudas para o seu funcionamento como para financiar actividades como a teleasistencia avanzada que loitara contra a soidade non desexada dos nosos maiores. Neste mesmo ámbito da cooperación con entidades cómpre apuntar 1,7 millóns de euros máis na colaboración coa Universidade de Vigo para a ampliación do campus de Ourense.
Entre as partidas consignadas como suplemento de crédito figura un capítulo de servizos sociais, que cunha inxección económica de 1 millón de euros facilitará a posta en marcha dun programa contra a soidade non desexada e o envellecemento activo, así como 300.000 euros máis para o plan BenOurense de apoio aos servizos sociais municipais. O Plan EmergOU contará con 500.000 euros para cubrir as necesidades dos concellos afectados polas riadas deste inverno. O Inorde tamén figura neste expediente cun suplemento de crédito de 270.400 euros, co obxectivo de poñer en marcha iniciativas de emprendemento asociadas á agricultura rexenerativa e un plan piloto de dixitalización e economía circular.
A Deputación de Ourense no seu compromiso coa Responsabilidade Social Corporativa, dende a área de transparencia traballa, en colaboración coas entidades locais, co fin de establecer accións de goberno dentro dos catro eixes fundamentais: medioambiental , social, igualdade e bo goberno.





