Luis Menor fai balance do terceiro ano de mandato reivindicando a Deputación máis social e municipalista, colaboradora, que cohesiona o territorio, multiplica recursos e potencia as fortalezas de Ourense

Compartir

No Pazo de Vilamarín, acompañado polo seu equipo de Goberno, o presidente provincial destacou a inédita cifra de financiamento directo ás entidades locais: máis de 103,2 millóns, con 19 millóns para o Plan CooperOU este ano, e a xestión de 30,7 millóns de fondos europeos

 

A institución demostrou ser “a administración provincial galega con máis acordos coa Xunta de Galicia”, comprometendo máis de 13,2 millóns neste mandato para proxectos conxuntos no rural, os servizos sociais ou o turismo

 

Neste terceiro ano “consolidouse un novo modelo cooperación e apoio ao territorio”, cunha política de subvencións que suma máis de 5,4 millóns de euros. Neste tempo investíronse máis de 13 millóns “nun modelo integral de benestar provincial”, recalcou o presidente, “unha evolución sen precedentes nas políticas sociais da Deputación”

 

Para dar pulo á cohesión territorial alcanzouse un fito histórico en infraestruturas: 25,5 millóns destinados á rede de estradas provinciais. Un área de traballo que deu “resposta inmediata e coordinada ante as crises ambientais recentes”

 

“Afrontamos o último ano deste mandato coa ambición intacta”, asegurou Luis Menor. Tempo suficiente, dixo, para seguir avanzando nun camiño xa trazado no que figura o aumento dos recursos do Plan CooperOU, cunha mesma idea de provincia en torno ao benestar e o termalismo, e sempre na procura de ofrecer máis e mellores servizos aos concellos e cidadanía”

Vilamarín, 29 de xullo de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reivindicou hoxe os avances logrados polo Goberno provincial nestes tres anos de mandato, tempo no que se conseguiu situar á institución provincial como a máis social e municipalista, coa colaboración como eixo das súas políticas, que cohesiona o territorio, multiplica recursos e potencia as fortalezas de Ourense.

Acompañado polos membros do seu equipo de Goberno, Luis Menor repasou este terceiro ano de mandato nun acto celebrado no Pazo de Vilamarín, escenario escollido para referendar o seu firme compromiso coa protección do patrimonio ourensán e que fixo extensivo á Ribeira Sacra, lugar onde se celebrou o pasado ano este acto.

Precisamente sobre este enclave e a decisión de devolver a candidatura a Patrimonio Mundial para unha mellor documentación do seu valor cultural e ambiental, o presidente provincial expresou a súa firme convicción de que 2027 será o ano da Ribeira Sacra. “Non temos que empezar de cero, e iso supón que temos unha candidatura sólida”.

Financiamento, municipalismo e fondos europeos

No inicio da súa intervención, Luis Menor destacou o esforzo económico sen precedentes, logrando aumentar o orzamento nun 21,44 % ata rozar os 110,5 millóns de euros neste exercicio. Un crecemento que permitiu consolidar á Deputación como “a máis municipalista da historia”, reflectida nunha cifra inédita de financiamento directo ás entidades locais: máis de 103,2 millóns, con 19 millóns para o Plan CooperOU. 

Unha xestión económica que, ademais, vén marcada pola reivindicación contra as actuais regras fiscais, que obrigaron á Deputación a reter 3,5 millóns de euros “a pesar de ser unha administración saneada con débeda cero”. 

A institución buscou financiamento en Europa participando en case medio cento de proxectos por máis de 67,1 millóns de euros, dos que cales xa xestionou ou está a xestionar case 30,7 nestes tres anos. 

Destacan especialmente os Plans de Actuación Integrados (PAI) de Valdeorras e Ourense Sur, cun investimento previsto de máis de 14,5 millóns de euros, para os que a Deputación comprometeuse a elevar a cifra ata os 10 millóns por programa. Tamén sobresae o PERTE da auga, que supera os 16,3 millóns de euros e xa permitiu instalar 65.000 contadores dixitais en 79 concellos.

Colaboración coa Xunta de Galicia

A Deputación de Ourense consolidouse neste tempo como “a administración provincial galega con máis acordos coa Xunta de Galicia, comprometendo máis de 13,2 millóns de euros neste mandato para proxectos conxuntos no rural, os servizos sociais ou o turismo”, destacou Menor. Entre estas actuacións figuran a axuda de 4 millóns para o plan de regadío da Limia; os case 4 millóns para a loita contra os incendios; a creación de máis de 400 prazas en centros de maiores por 3,4 millóns de euros; a finalización do Parque Acuático de Monterrei con 3,6 millóns no bienio 25-26; ou os 440.000 euros para modernizar as prazas de abastos da provincia. 

Cohesión territorial: Infraestruturas e resposta ambiental

Polo que respecta á cohesión do territorio, Luis Menor puxo énfase “nun fito histórico en materia de infraestruturas”, alcanzando os 25,5 millóns de euros destinados á rede de estradas provinciais -de 1.850 quilómetros- nestes tres anos, partindo de 1,5 millóns en 2023. 

Neste capítulo citou a “resposta inmediata e coordinada ante as crises ambientais recentes”, achegando medios técnicos e humanos para facer fronte á vaga de lumes, as inundacións e as recentes riadas que afectaron ao oriente ourensán. 

Mentres, no plano ambiental, destacou que se garante o servizo de recollida de residuos a 60 concellos, beneficiando a case 140.000 habitantes, servizo que a Deputación ourensá presta de modo directo, única en Galicia ao igual que o mantemento de estradas.

Nova política de subvencións

Neste terceiro ano “consolidouse un novo modelo cooperación e apoio ao territorio”, cunha política de subvencións que suma máis de 5,4 millóns de euros. O Plan Provincial de Vivenda triplicou a súa dotación inicial alcanzando 1,2 millóns de euros, e proximamente tralo acordo do Pleno de xullo aumentará ata 1,5 millóns para incluír, entre outros aspectos, a asistencia a concellos na identificación e regularización de edificacións en estado ruinoso ou de abandono. 

Tamén aumentou un 50 % a dotación para adaptar vivendas de persoas maiores (150.000 €), e as achegas para proxectos do terceiro sector medraron máis dun 70 % ata os 600.000 euros. Ademais, creouse unha liña específica de apoio á gandería con 350.000 euros para potenciar razas autóctonas e boas prácticas. 

Unha Deputación máis social

Desde o ano 2024, “investíronse máis de 13 millóns de euros nun modelo integral de benestar provincial”, recalcou o presidente, “unha evolución sen precedentes nas políticas sociais da Deputación”. O programa BenOurense medrou un 25 % ata superar os 2,1 millóns; o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) triplicou a súa dotación para chegar a 91 concellos e máis de 1.100 persoas; e a teleasistencia domiciliaria gratuíta atende a máis de 3.000 usuarios con lista de espera cero. En apoio á natalidade, a Tarxeta ChegOU mobilizou máis de 1,2 millóns en axudas directas dende 2023. E no eixo da igualdade destaca o éxito do programa “8M, mes a mes”, para visibilizar á muller de modo especial no rural. 

Termalismo

O termalismo ourensán, apuntou Luis Menor, converteuse neste tempo “nun dos sinais de identidade da nosa xestión e verdadeiro eixo de benestar, envellecemento activo, saúde preventiva e dinamización económica”. Referiuse a un dos programas máis emblemáticos: o Termalismo Social, que cunha traxectoria de 11 anos rexistrou preto de 28.000 persoas beneficiarias cun impacto directo de máis de 7,5 millóns de euros nos sete balnearios que participan no programa.

A capacidade para explorar o potencial termal foi clave á hora de trasladar esta experiencia á Rede de Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias, que preside Luis Menor. Desde esta sección da FEMP asegurou seguirá a loitar para que o termalismo terapéutico sexa considerado “como un recurso sanitario estratéxico, cunha progresiva integración das terapias balnearias na carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde”.

Promoción económica

O compromiso inequívoco da Deputación de Ourense co territorio non estaría completo sen unha firme defensa da promoción económica, “que pasa por impulsar programas de apoio ás empresas para a súa internacionalización, dixitalización e sustentabilidade, ademais de colaborar na creación de máis solo empresarial”.

Neste contexto citou Menor os programas EmprendOU en feminino, que aumenta este ano un 50 % o seu orzamento pasando a 150.000 €, ou ExportOU, desde hai 9 anos en colaboración coa CEO para ampliar e diversificar a presenza das empresas ourensás en mercados internacionais e que prestou apoio a case 200 empresas.

Unha promoción económica que pasa tamén pola estreita colaboración coa Xunta de Galicia para seguir desenvolvendo os máis de 2,7 millóns de metros cadrados de chan empresarial na provincia, sen esquecer o compromiso de asumir a redacción do proxecto da futura Estación de Mercadorías Ferroviarias do polígono industrial de San Cibrao das Viñas.

O turismo, área esencial de acción

O turismo continúa a ser un área esencial de acción, “procurando xerar as mellores condicións para consolidarnos como un destino sustentable e de calidade”, apoiándose no pequeno tecido produtivo, con liñas innovadoras como as axudas para construír Ecoaloxamentos ou potenciar o agroturismo. Citou tamén como novidade a campaña de Turismo Familiar, presentada en Fitur, ou o turismo cultural asociado aos entroidos do macizo central ourensán. Todo iso sen perder de vista os camiños xacobeos, en particular a principal ruta da provincia: A Vía da Prata, obxecto de múltiples accións promocionais, ou a valorización do Camiño de San Rosendo. Todo en colaboración co sector, impulsando o Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, que conta xa con 140 servizos acreditados.

Administración dixital

Outra das liñas de traballo citadas refírese á implantación da administración dixital, “con procesos máis áxiles, modernos e accesibles, que ofrezan servizos as 24 horas do día durante todo o ano”. Iniciativas dirixidas aos concellos, á cidadanía e ao entorno empresarial, con especial énfase na contorna rural. Destacou programas como a Oficina Única Virtual de Atención a Cidadanía (OUVAC); o Plan Director de Intelixencia Artificial; os proxectos dirixidos a concellos en materia de ciberseguridade, ou a próxima implantación de la Oficina Técnica de Destino Turístico Intelixente.

Cultura

“Demostramos neste tempo que a cultura ocupa un lugar prioritario, porque Ourense demanda cultura e nós respondemos”, afirmou o presidente, que repasou a 30ª edición do Festival de Cine de Ourense, con máis de 15.000 espectadores que consolidan a nova etapa do OUFF.

Destacan tamén os espazos culturais da institución, cunha oferta de calidade co Centro Cultural Marcos Valcárcel, “lugar de referencia para artistas emerxentes e consagrados, que xunto con outras actividades acapararon a atención de preto de 40.000 persoas”. O Teatro Principal con 144 espectáculos demostrou estar máis vivo ca nunca; e a Escola de Artes e Oficios segue a bater récord de matrícula nos seus 134 anos de historia: 275 alumnos este último curso.

Deporte

No eixo deportivo impulsouse unha “ampla programación orientada a garantir o acceso ao deporte en todo o territorio e a persoas de todas as idades, con especial atención ao rural”. Aí está por exemplo o programa de fomento deportivo en 91 concellos, achegando múltiples disciplinas deportivas a máis de 6.200 persoas. Tamén as Copas Deputación, “un dos proxectos deportivos máis amplos e participativos de toda Galicia”, con preto de 20.000 deportistas, ademais de clásicos como o programa EsquiOU, que xa alcanza as 1.200 prazas.

Ademais, unha boa práctica deportiva necesita actuacións de mellora e modernización de infraestruturas, como así se está a facer nunha trintena de instalacións distribuídas por toda a provincia, cun investimento de máis de 7,2 M€ neste mandato, e cun particular esforzo inversor (máis de 3,6 M€) na remodelación de nove campos de fútbol. 

Presenza institucional e retos de futuro

Luis Menor destacou que a actividade de goberno parte do coñecemento do territorio, visitando de forma oficial o 90 % dos concellos da provincia e participando en preto de 4.300 actividades institucionais. Tamén prestando especial atención a comarcas como Valdeorras a través da primeira delegación da Deputación na provincia, na Casa Grande de Viloira, no Barco. 

Desafíos para o futuro

“Afrontamos o último ano deste mandato coa ambición intacta”, asegurou Luis Menor. Tempo suficiente, dixo, para seguir avanzando nun camiño xa trazado no que figura o aumento dos recursos destinados ao Plan CooperOU, que alcanzará os 20 M€; buscando tamén a multiplicación dos recursos con máis colaboración coa Xunta de Galicia e máis fondos europeos.

O benestar e o termalismo social non son políticas separadas: “Son unha mesma idea de provincia”, engadiu o presidente, que asegurou o fortalecemento da colaboración co terceiro sector, ademais de potenciar novas liñas termais en torno á ciencia, o emprego ou a inclusión.

Avanzou que se completará o PERTE da xestión do ciclo da auga coa construción, nas antigas instalacións do Inorde, do Centro Intelixente para a Xestión Provincial da Auga (AquaOU), sentando as bases dun uso responsable e o coidado dun elemento esencial para a vida.

En materia de turismo apuntou a creación dunha oficina técnica onde tamén a tecnoloxía xogará un importante papel, poñendo a disposición do turista as visitas autónomas a museos, o desfrute do termalismo, do enoturismo, ou tamén do turismo de congresos.

Lembrou o presidente que 2027 será Ano Xacobeo “e as rutas que atravesan a provincia seguirán estando no centro da nosa atención”, como no caso da Vía da Prata, na que continuaremos promovendo a súa especialización cicloturista.

Desenvolveranse ademais solucións de Intelixencia Artificial para o servizo aos concellos, cun asistente virtual permanente que tamén axudará á cidadanía. E a Deputación certificarse no Esquema Nacional de Seguridade, para xestionar os riscos de ciberseguridade.

Reafirmou ademais a vocación deportiva da institución a través dunha programación ampla, inclusiva e de calidade, impulsando políticas deportivas que fomenten unha sociedade máis activa, saudable, participativa e igualitaria.

“En definitiva, seguir Facendo provincia, recibindo, escoitando e visitando a todos os axentes económicos, sociais, culturais ou deportivos, sempre na procura de ofrecer máis e mellores servizos aos concellos e cidadanía”, concluíu Luis Menor.