Ourense, o principal ingrediente do V Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia

Compartir

O certame, impulsado pola Deputación a través do Inorde xunto a Turismo de Galicia, volverá a reunir no Mosteiro de San Pedro de Rocas a medio cento de profesionais da cociña de toda Galicia os días 19 e 20 de outubro

Este evento, que se afianza con “forza e éxito na nosa provincia”, aglutinará novamente “gastronomía, patrimonio e viticultura”, converténdose no “escaparate perfecto” para dar a coñecer a “marca Ourense” neste sector turístico tan puxante no noso territorio”, dixo o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, na presentación do Campionato

Ourense, 29 de setembro de 2026.

O V Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia, impulsado pola Deputación de Ourense a través do Inorde xunto a Turismo de Galicia, volverá a reunir a medio centenar de profesionais da cociña procedentes das catro provincias galegas os días 19 e 20 de outubro no Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos. 

O certame situará a cociña en miniatura no centro dunha proposta que vincula identidade, paisaxe e produto. Os detalles desta nova edición foron presentados hoxe no Pazo Provincial da man do presidente do Inorde, Rosendo Fernández; do director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles; do presidente da Academia de la Tapa y del Pintxo de España -entidade organizadora-, Mikel Martínez; do vicepresidente de Amigos da Cociña Galega, Francisco Gómez e do presidente de Cociña Ourense, Gerson Iglesias. 

Este evento, que se afianza con “forza e éxito na nosa provincia”, aglutinará novamente “gastronomía, patrimonio e viticultura”, converténdose no “escaparate perfecto” para dar a coñecer a “marca Ourense” neste sector turístico tan puxante no noso territorio”, dixo o presidente do Inorde.

O  director de Turismo de Galicia destacou o papel do produto galego como elemento desestacionalizador da actividade turística e sinalou que a gastronomía é hoxe “a segunda motivación para que nos visiten”. Neste sentido, salientou as cifras do ano pasado: “máis de 160.000 persoas que viñeron para practicar turismo gastronómico en Galicia, o que supón aproximadamente un 2% do total dos viaxeiros, deixando case 94 millóns de euros (o 4% do total dos ingresos turísticos)”, explicou Merelles.  

Pola súa parte, o presidente da Academia de la Tapa y del Pintxo, Mikel Martínez, puxo de releve a consolidación da competición e a súa relación co contorno: "Eliximos contar Galicia a través do pincho: unha pequena elaboración capaz de reunir creatividade, produto, tradición e talento en apenas dous ou tres bocados". 

A Ribeira Sacra, escenario do certame

A quinta edición volve a tomar como escenario a Ribeira Sacra ourensá, co patrimonio monástico, os canóns do Miño e do Sil, os viñedos en ladeira e a tradición vitivinícola como elementos do contorno no que se desenvolverá a competición. 

As inscricións poden realizarse de forma gratuíta a través da web oficial, www.academiadelatapa.com. A organización facilitará aloxamento aos participantes que se despracen dende fóra da localidade anfitrioa. 

Quince minutos e un máximo de tres bocados

Cada participante disporá de quince minutos para elaborar e presentar a súa proposta en directo ante o xurado. As tapas deberán poderanse degustar nun máximo de tres bocados. O xurado valorará especialmente o sabor, ademais de aspectos como a técnica, a presentación, a orixinalidade e o uso de produtos de proximidade. 

Como principal novidade desta quinta edición, o campionato incorpora o Premio á Mellor Historia detrás dunha tapa, destinado a recoñecer o relato, a inspiración e as vivencias que acompañan a cada creación. Tamén se entregará o Premio á Tapa Sabores da Provincia de Ourense, que distinguirá a mellor interpretación dos produtos de proximidade e da identidade culinaria do contorno.