A Deputación distingue a Coral De Ruada co Premio Ourensanía 2026 e outórgalle unha meción honorífica a título póstumo a Marita Souto
Luis Menor enxalza a Coral como “expresión do sentir ourensán” e anuncia que a Biblioteca da Deputación contará cun espazo adicado ao legado investigador e divulgador de Marita, cumprindo así a última petición que lle trasladou a científica
A presidenta da Coral, Fátima Malingre, destaca a aspiración da agrupación a ser “a encarnación do espírito de Ourense; aberto ao mundo, pero con raíces fondas”
Daniel Alexio Nanín Pascual, neto de Marita e representante da familia, agradece o recoñecemento e pide ás institucións que dean continuidade ao seu compromiso co patrimonio termal ourensán
Ourense, 10 de novembro de 2026.
Nunha gala presentada por José Luis Tielas González que comezou no Teatro Principal cunha actuación de Marta Bravo, a Deputación de Ourense recoñeceu a traxectoria centenaria da Coral De Ruada coa entrega do Premio Ourensanía 2026, nunha gala que incluíu tamén unha mención honorífica a título póstumo á científica Marita Souto. O presidente provincial, Luis Menor, destacou a contribución de ambas as homenaxeadas á identidade da provincia e anunciou a creación dun espazo propio na Biblioteca da Deputación dedicado ao legado investigador e divulgador de Marita.
Na súa intervención, Menor afirmou que “dicir que a Coral De Ruada representa o sentir ourensán é falar dunha experiencia que compartimos moitas xeracións”. O presidente puxo en valor a capacidade da agrupación para transmitir, a través da música, a memoria e os afectos dunha terra: “Nas vosas voces están as festas e as despedidas, a alegría de volver e a saudade de marchar. Están as palabras que aprendemos na casa e as melodías que nos devolven a persoas queridas”.
Para expresar ese vínculo, recuperou unha cita de Otero Pedrayo: “Todo o ser de Ourense foi recollido con amor e saber por a coral ‘De Ruada’”. Dúas palabras, amor e saber, que Menor considerou un resumo da historia da entidade: o compromiso coa provincia e o rigor necesario para recoller, interpretar e transmitir a súa tradición musical.
Fundada en 1918 e presentada ao público no Salón Apolo en 1919, a Coral De Ruada mantén unha traxectoria estreitamente vinculada á cultura e á lingua galegas. Menor lembrou a súa proximidade ás figuras da Xeración Nós e o seu papel como embaixadora de Ourense, levando a música da provincia a outros escenarios e países. O Premio Ourensanía súmase a distincións como a Medalla de Ouro da Provincia, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba ou o Premio Otero Pedrayo, recibido en 2024.
O presidente agradeceu o traballo da presidenta, Fátima María Malingre; do director, Xoán Antón Vázquez Casas; da directiva e de todos os coralistas, instrumentistas, bailaríns e colaboradores. Estendeu tamén o recoñecemento ás persoas que sostiveron a agrupación ao longo da súa historia e destacou a incorporación da mocidade como garantía da súa continuidade. “A tradición vive porque alguén a comparte e porque alguén se ilusiona con recibila”, sinalou.
Fátima Malingre reivindica unha tradición que se ensina e se comparte
A presidenta da Coral De Ruada, Fátima Malingre, recolleu o premio en nome de todas as persoas que, desde 1918, fixeron posible a súa traxectoria. Nunha intervención marcada pola emoción, lembrou os sucesivos directores e os centos de coralistas, músicos, bailaríns, recitadores e actores que formaron parte da entidade, cunha referencia especial aos que xa faleceron: “Este premio tamén é deles”.
Malingre salientou que De Ruada é “un fogar aberto onde a tradición non queda gardada nun caixón: ensínase, cántase e compártese”. Neste sentido, lembrou o labor da Escola de Música Tradicional Virxilio Fernández, do grupo de teatro Xabier Prado “Lameiro” e da escola de baile, ademais das actividades culturais e dos concertos que promove a agrupación.
A presidenta agradeceu o apoio dos Amigos da Coral e das institucións, destacando o respaldo da Deputación. Subliñou, ademais, o valor particular desta distinción: “Este galardón ten un significado especial, porque se chama Ourensanía”. Un nome que conecta coa aspiración da Coral a ser “a encarnación do espírito de Ourense; aberto ao mundo, pero con raíces fondas”.
De cara ao futuro, situou como desafío lograr que a mocidade siga conectando co patrimonio musical galego e que as cancións continúen vivas nas novas xeracións. “Ese é o noso compromiso para os vindeiros cen anos”, afirmou.
Malingre dedicoulle tamén unha sentida homenaxe a Marita Souto: “Ela estudou a auga que brota da nosa terra; nós esforzámonos por cultivar a música que xorde da nosa xente”. Dous labores unidos polo propósito de “poñer en valor o que fai de Ourense un lugar único”.
Un espazo para dar continuidade ao legado de Marita Souto
A mención honorífica a título póstumo a Marita Souto reuniu o recoñecemento á súa dimensión científica e unha lembranza da súa pegada humana e familiar. Luis Menor definiuna como “a gardiá dos nosos mananciais” e destacou que o seu traballo axudou a coñecer mellor as augas de Ourense e a comprender o seu valor para o futuro da provincia.
O presidente evocou tamén “a nai, a avoa, a matriarca”, unha muller que foi “raíz e referencia para os seus”. Nunha lembranza persoal, afirmou: “Quen quixemos a Marita lembramos tamén o cariño co que nos aconsellaba, nos ensinaba e mesmo nos reprendía cando facía falta”.
Menor anunciou que a Biblioteca da Deputación contará cun espazo propio dedicado ao labor investigador e divulgador de Marita Souto. Reunirá todos os libros, estudos e traballos que ela cedeu para poñelos á disposición de quen desexe continuar investigando en materia de termalismo.
A iniciativa dá cumprimento á última petición que Marita lle trasladou na derradeira reunión que mantiveron. “Cumprir esa última petición é un compromiso desta institución. Así honraremos a súa confianza e faremos que aquela viaxe da que ela falaba siga abrindo camiños para Ourense”, sinalou.
A familia lembra a súa entrega e reclama continuidade para o seu compromiso termal
En representación da familia interveu Daniel Alexio Nanín Pascual, neto de Marita Souto, quen agradeceu á Deputación, ao seu presidente e ao xurado un recoñecemento de “significado inmenso” para os seus. Describiu a emoción de participar na homenaxe como unha mestura de felicidade polo galardón e tristeza pola ausencia da súa avoa.
Na súa intervención, lembrou unha muller inquieta, traballadora, esixente, perfeccionista e tremendamente activa, que se implicaba con toda a súa enerxía en cada proxecto. “Avoa, hoxe queda demostrado que a túa enerxía e o teu legado seguen máis vivos ca nunca. Segues tendo a axenda completa e enchendo salas coma esta, tal e como fixeches durante toda a túa vida”, expresou.
O seu neto destacou que a ensinanza de Marita vai máis alá da súa achega profesional e inclúe o valor do esforzo, o inconformismo e a vontade permanente de mellorar. Lembrou, ademais, a súa defensa do patrimonio termal de Ourense e das oportunidades que ofrece para o desenvolvemento da provincia.
Desde esa convicción, trasladou unha petición ás institucións para que manteñan vivo o seu compromiso: “Prégolles que sigan loitando con firmeza polo impulso, o funcionamento e a continuidade das instalacións e dos recursos termais de Ourense que ela tanto amou e defendeu”.
Daniel Alexio Nanín Pascual pechou a súa intervención agradecendo, en nome de toda a familia, a homenaxe, o cariño e o recoñecemento á pegada dunha muller “que nunca pasou desapercibida”.