500 gaiteiros de Galicia e Castela León, no IV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, en Cabeza de Manzaneda
- O evento, que se celebra o vindeiro fin de semana, foi presentado hoxe na Deputación de Ourense.
500 gaiteiros de Galicia e Castela León daranse cita o vindeiro fin de semana na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda no IV Certame Centibérico de Bandas de Gaitas, patrocinado pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia e organizado polo Concello de Manzaneda e Oca Nova Manzaneda.
O Pazo Provincial acolleu esta mañá a presentación do evento que terá lugar os vindeiros 27 e 28 de xullo, un certame que a Deputación de Ourense ven organizando, a través da Escola Provincial de Gaitas, coa colaboración do Concello de Manzaneda e a Estación de Montaña de Cabeza de Manzaneda dende o ano 1991, inicialmente como Campionato Provincial de Bandas de Gaitas, logo como Campionato Nacional de Bandas de Gaitas, posteriormente Liga Galega de Bandas de Gaitas e dende hai catro anos como "Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas - Memorial Gabino García".
O acto contou coa presenza do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Manzaneda, David Rodríguez; o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, e a directora de Oca Nova Manzaneda, Mónica Rodríguez.
Foxo sinalou que esta actividade é un evento moi destacado dentro dos actos que se realizan en Galicia en favor da gaita, recuperándose para esta edición a "Noite Celta" e o "Campionato de gaiteiros solistas". Rosendo Fernández destacou o compromiso da Deputación de Ourense coa cultura tradicional pois, aínda en tempos difíciles, segue colaborando con este evento, todo un referente no mundo da gaita.
A cita congregará ao redor de 500 gaiteiros de diferentes puntos de Galicia e tamén de León e Zamora, e agárdase que eses días Cabeza de Manzaneda sexa o punto de encontro de milleiros de afeccionados ao mundo da gaita, tanto de Galicia como de Castela León.