Acordo entre Deputación e Concello de Ourense para realizar obras de infraestruturas por importe de 11 millóns de euros
- O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o concelleiro de Infraestruturas e Transportes, Miguel Caride, asinaron o documento que permitirá a execución urxente de 27 obras na capital: proxectos de acondicionamento urbano, accesibilidade, melloras en viais, rúas e paseos fluviais, instalación de elevadores, saneamento, alcantarillado e alumeado.
- Baltar certificou este compromiso de cooperación co Concello de Ourense "ao que respondemos de inmediato porque somos administracións irmáns, temos obxectivos comúns e formamos parte de gobernos únicos nas dúas institucións que teñen como obxectivo pór a Ourense por riba de todo".
- Caride dixo que se trata "dunha colaboración indispensable por parte da Deputación, que fai posible que se poñan en marcha proxectos que doutra maneira non se poderían realizar, debido as dificultades que ata o de agora viña tendo o concello pola falta de orzamentos".
Ourense, 31 de agosto de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o concelleiro de Infraestruturas e Transportes do Concello de Ourense, Miguel Caride, asinaron un acordo que permitirá a execución urxente de 27 obras na capital, referidas proxectos de acondicionamento urbano, accesibilidade, melloras en viais, rúas e paseos fluviais, instalación de elevadores, saneamento e alumeado, proxectos que se atopan paralizados por dificultades económicas e xurídicas, debido ao orzamento prorrogado co que se atopou o grupo de goberno do Concello de Ourense, que solicitou a colaboración da Deputación para cofinanciar estes investimentos e poder afrontar así a contratación e execución de ditas obras con carácter urxente.
Manuel Baltar certificou o compromiso de colaboración, un ano máis, do goberno provincial co Concello de Ourense, "para que o seu Plan de Obras se poida executar, o que responde a unha demanda e un plantexamento de colaboración co Concello de Ourense ao que respondemos de inmediato porque somos administracións irmáns, temos obxectivos comúns e formamos parte de gobernos únicos nas dúas institucións que teñen como obxectivo pór a Ourense por riba de todo". Neste sentido, Baltar confirmou: "Nos orzamentos de 2020 da Deputación de Ourense e na modificación de crédito de 2019, que aprobaremos no pleno do vindeiro 27 de setembro, reflectirase esta aportación económica e outras, da Deputación para o Concello de Ourense, para levar a cabo estes proxectos, cuxa finalidade é a de "facer cidade", unha cidade que é o motor da provincia de Ourense", salientou Manuel Baltar.
Na mesma liña, Miguel Caride agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense, "un apoio que nos dará facilidades de contido técnico e administrativo para licitar e executar un total de 27 actuacións pendentes no Plan de Obras, para poder levar a cabo as obras de infraestruturas do que resta do exercicio 2019 e as do ano 2020". "Trátase -dixo- dunha colaboración indispensable por parte da Deputación, que fai posible que se poñan en marcha proxectos que doutra maneira non se poderían realizar, debido as dificultades que ata o de agora viña tendo o concello pola falta de orzamentos", destaca Caride, quen augura que 2020 "será un ano excelente para a cidade de Ourense pola magnífica relación que estamos a manter no ámbito institucional entre Deputación e Concello de Ourense".
Obras
As obras incluídas no Plan de Obras do Concello de Ourense e que contarán co cofinanciamento da Deputación de Ourense ascenden a un orzamento estimado de preto de 11 millóns de euros (10.947.631 euros). Son as seguintes:
1.- Proxecto de acondicionamento de traseiras Roi Paez-A Milagrosa. Importe total: 166.072 euros.
2.- Proxecto de mellora de accesibilidade na rúa Arias Paez e zona de influencia. Importe total: 307.235 euros.
3.- Proxecto de rehabilitación de firmes e melloras nas rúas e beirarrúas de Covadonga: Júpiter e outras. Importe total: 591.827 euros.
4.- Proxecto de urbanización na rúa Miradoiro e primeiro tramo de Camiño da lebre. Importe total: 578.170 euros.
5.- Proxecto de acondicionamento nas rúas Salto do can e Carballo. Importe total: 958.681 euros.
6.- Proxecto de urbanización na zona de aparcamento tras polideportivo de Oira. Importe total: 373.950 euros.
7.- Proxecto de acondicionamento do tramo inicial do Paseo fluvial de Oira, deica rúa Alfredo Brañas, Camiño da praia e estacionamento público. Importe total: 311.019 euros.
8.- Proxecto de acondicionamento en rúa A baixada a igrexa e Camiño das fontes en Santa Mariña. Importe total: 546.875 euros.
9.- Proxecto de ampliación e acondicionamento de vial de unión entre Pradobó e O Pereiro. Importe total: 870.207 euros.
10.- Proxecto de acondicionamento da rúa Vía Vella-Santa Ana do Pino. Importe total: 343.532 euros.
11.- Proxecto de acondicionamento da rúa de Eirasvedras-San Miguel de Canedo. Importe total: 104.744 euros.
12.- Proxecto de renovación do pavimento, firme e alcantarillado na rúa Ribeira de Canedo. Importe total: 279.635 euros.
13.- Proxecto de humanización da rúa do Sol, Boa Vista e do Campo-Eiroás. Importe total: 770.833 euros.
14.- Proxecto de acondicionamento do Camiño da Pedreira-Seixalbo. Importe total: 131.851 euros.
15.- Acondicionamento de espazos urbanos na cidade de Ourense, rúa Vázquez Núñez. Importe total: 514.346 euros.
16. Proxecto de instalación de elevador na Cruz Alta-A Milagrosa. Importe total: 1.354.166 euros.
17.- Proxecto de instalación de elevador na rúa Avilés de Taramancos (a altura da ponte de Ervedelo). Importe total: 260.416 euros.
18.- Proxecto para a eliminación de punto de verquido no regato do Chis-Rúa da Marquesa-Rairo. Importe total: 194.059 euros.
19.- Proxecto de conexión rede de saneamento Santa Mariña-Praza das Fontes coa rede xeral de Rairo. Importe total: 349.704 euros.
20.- Proxecto de ampliación de alumeado público N-120, Untes-Santa Cruz. Importe total: 86.983 euros.
21.- Proxecto de acondicionamento e mellora da rúa Bedoya (entre a súa intersección coa rúa do Paseo e coa avenida de Bos Aires). Importe total: 280.000 euros.
22.- Mellora de firme e pavimentos na rúa Pardo de Cela (desde a praza de Concepción Arenal até a ponte do Milenio). Importe total: 236.000 euros.
23.- Rehabilitación do firme nas rúas Nosa Señora da Saínza e Ramón Puga. Importe total: 428.000 euros.
24.- Proxecto de continuidade do paseo da marxe do río Barbaña entre A Molinera e a ponte Irmáns Xesta. Importe total: 134.440 euros.
25.- Proxecto de humanización da Canella do Barbaña-Pozo do Inferno. Importe total: 253.750 euros.
26.- Proxecto de urbanización do campo do Outeiro e rúa do Outeiro, en Velle. Importe total: 442.626 euros.
27.- Acondicionamento da estrada desde OU-506 até o cemiterio de Velle. Importe total: 78.498 euros.