Acordo laboral entre a Deputación de Ourense e o comité de empresa e a xunta de persoal
A Deputación de Ourense e o comité de empresa e a xunta de persoal da institución provincial chegaron hoxe a un acordo conxunto sobre a negociación laboral que mantiñan.
Así o anunciaron hoxe conxuntamente os representantes da Deputación, do comité de empresa e da xunta de persoal, destacando que o entendemento foi froito do diálogo e do achegamento de plantexamentos, que ten como único obxectivo seguir acadando melloras nos ámbitos laboral, organizativo e de xestión da institución provincial.
Os principais acordos acadados sobre as condicións de traballo do persoal funcionario da Deputación Provincial de Ourense establecen que a Deputación de Ourense concertará un seguro de asistencia sanitaria para todos os funcionarios de carreira que o desexen contratar, e a institución provincial subvencionará a cada unidade familiar ou, se é o caso, a cada funcionario, co importe do 20% do custo por un asegurado na modalidade de asistencia sanitaria integral.
Tamén recolle o acordo que o persoal das brigadas do Servizo de Vías e Obras e do Equipo de Maquinaria de Cooperación realizará xornada continua, coa particularidade de que durante os meses de outubro a febreiro, ambos incluídos, a xornada iniciarase ás 8:00 horas da mañá.