Acordos do pleno da Deputación de Ourense de data 22 de febreiro de 2013:
Aprobar definitivamente, a Relación de Postos de Traballo para o exercicio 2013, ordenando a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.
Aprobación da adhesión da Deputación Provincial de Ourense ó convenio para a creación dun fondo social de vivenda.
Acordo:
Aproba-la adhesión da Deputación Provincial de Ourense ó convenio para a creación dun fondo social de vivenda, subscrito o 17 de xaneiro de 2013 entre os ministerios de Fomento, Economía e Competitividade e Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a Federación Española de Municipios e Provincias, a Plataforma del Tercer Sector e distintas entidades de crédito e asociacións de entidades de crédito españolas, como entidade colaboradora, con expresa aceptación da totalidade de cláusulas e condicións que figuran no dito convenio.
Aprobación de modelos de declaración anual de causas de posible incompatibilidade e bens dos deputados provincias.
Acordo:
1º.- Aproba-los modelos de declaración anual de causas de posible incompatibilidade e de bens dos deputados provinciais, que se unen a este documento.
2º.- A declaración utilizando os novos modelos presentarase ante a Secretaría Xeral, para a súa inclusión nos rexistros correspondentes e para a súa publicación na sede electrónica da Deputación, nos termos previstos no artigo 12 do Regulamento Orgánico, antes do 15 de marzo de 2013.
3º.- As declaracións actualizaranse anualmente nos termos previstos no apartado 3 do artigo 12 do Regulamento Orgánico.
Aprobación das bases para a elaboración e execución do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e da Rede Viaria Provincial para o exercicio 2013:
Acordo:
Apróbanse as bases de regulación dos procedementos de elaboración e execución do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e da Rede Viaria Provincial para o exercicio 2013.
O Plan Provincial no exercicio 2013 comprenderá as seguintes clases de investimentos:
- Investimentos en obras de mellora e conservación da rede viaria provincial, de titularidade da Deputación Provincial.
- Investimentos en obras de competencia municipal, preferentemente as necesarias para a efectiva prestación dos servizos municipais obrigatorios enumerados no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, así como no artigo 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia.
O orzamento mínimo de cada obra será de 30.000 €. Non se autorizarán, baixo ningún concepto, solicitudes por importe menor.
O Plan Provincial 2013 financiarase coas achegas da Deputación Provincial e dos concellos interesados (no caso de obras municipais) de conformidade coa seguinte distribución:
Obras municipais: Deputación Provincial: 75,00 % - Concellos: 25,00 %
Obras da Rede Viaria Provincial: - Deputación Provincial: 100 %
A distribución do investimento prevista no Plan Provincial 2013 será a seguinte:
a) Investimento total previsto na Rede Viaria Provincial: 1.200.000,00 €
Achega da Deputación á RVP (100%): 1.200.000,00 €
b) Investimento total previsto en obras municipais: 3.758.300,00 €
Subvención Deputación obras municipais (75,00 %): 2.818.725,00 €
Achega mínima dos concellos para obras municipais (25,00 %): 939.575,00 €
Aprobación da MOCIÓN RELATIVA AOS DANOS COLATERAIS PRODUCIDOS POLAS OBRAS DO AVE EN DISTINTOS CONCELLOS DA PROVINCIA.
Acordo:
1.- O Pleno da Deputación insta ao Ministerio de Fomento a que elabore, a maior brevidade posible, un mapa do estado actual das infraestruturas da súa competencia, e ao mesmo tempo busque unha solución técnica que evite o tránsito de vehículos pesados polo núcleo de A Gudiña.
2.- O Pleno de Deputación insta ao Ministerio de Fomento a que demande das concesionarias a reposición, con carácter urxente, das infraestruturas danadas, xa que moitas delas atópanse nun estado de deterioro tal que afecta á seguridade viaria e a integridade das persoas.
3.- O Pleno da Deputación, en aplicación da ordenanza do uso e defensa das estradas provinciais, e tras a elaboración previa dun informe técnico do estado das vías afectadas, obrigará ás concesionarias a efectuar cantas obras de reposición sexan necesarias nos tramos que ofrezan unha maior perigosidade para a seguridade viaria.
4.- A Deputación esixirá das concesionarias cantos medios materiais e humanos sexan precisos para mellorar a seguridade viaria nas zonas que ofrecen un maior perigo, e de xeito singular nas travesías dos concellos de Xunqueira e Molgas, por onde transitan vehículos de grandes dimensións.
Aprobación da MOCIÓN EN CONTRA DO PROXECTO DUNHA EXPLOTACÍON MINEIRA DE FELDESPATOS NA LIMIA
Acordo:
1.- O Pleno, valida e ratifica o ditame da Comisión informativa de Agricultura e Medio Ambiente, que acorda demandar un informe dos servizos técnicos e xurídicos desta casa, aos efectos de presentar alegacións ao devandito proxecto Faramontaos 5089, en tempo e forma, diante da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellaría de Economía e Industria.
2.- O Pleno insta á Xunta de Galiza a realizar as seguintes actuacións en relación co expediente de solicitude de aprobación de aproveitamento mineiro Faramontaos 5089, realizada pola empresa Minercer S.L.:
a.- Ampliar o prazo de información pública previsto no artigo 21 da lei 3/2008 á vista da falta de información da que a día de hoxe dispoñen as persoas afectadas para poderen realizar as súas alegacións e facilitar a través tanto das oficinas da propia administración galega como dos concellos afectados toda a información dispoñíbel ás persoas e entidades interesadas para que poidan realizar as súas alegacións.
b.- A que polo órgano con competencias medioambientais, en base aos criterios e razóns que no seu día xustificaron a declaración da ZEPA da Limia, se emita informe negativo en relación con dita autorización por supoñer unha alteración do hábitat protexido.
c.- A que a Consellaría do Medio Rural en base aos datos da actividade agraria que se desenvolve nestes concellos, do seu elevado grao de intensificación, do seu valor na economía local e na creación de emprego, en definitiva da inequívoca vocación agraria destes terreos se emita en sentido negativo á dita autorización o informe previsto no artigo 23 da lei 3/2008.
d.-Á que á vista das repercusións negativas resolva o expediente denegando a solicitude de aproveitamento mineiro solicitado para os concellos de Xinzo de Limia e Trasmiras.
3.- O pleno da Deputación insta aos grupos de goberno dos concellos de Xinzo e Trasmiras á denegación da preceptiva licenza urbanística municipal indispensable para iniciar a explotación mineira, no caso de que a Xunta de Galiza, finalmente, decidira autorizar o devandito proxecto.
4.- A Deputación esixirá das concesionarias cantos medios materiais e humanos sexan precisos para mellorar a seguridade viaria nas zonas que ofrecen un maior perigo, e de xeito singular nas travesías dos concellos de Xunqueira e Molgas, por onde transitan vehículos de grandes dimensións.
5.- A Deputación porá a disposición dos concellos os equipos técnicos necesarios para avaliar o impacto que as obras están a provocar nas distintas infraestruturas locais e, consecuentemente, as solucións técnicas precisas.
6.- A Deputación insta ao Ministerio de Fomento, facendo o propio a través do servizo de Vías e Obras, a que ao remate das obras se faga unha avaliación exhaustiva dos danos ocasionados, esixindo das concesionarias a reposición das infraestruturas ao seu estado primitivo.
Aprobación da ADHESIÓN DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE Ó COMPROMISO DA CARTA AALBORG DE POBOS E CIDADES EUROPEAS CARA Á SOSTIBILIDADE.
Acordo:
Apoia-la "Carta de Pobos e Cidades europeas cara á sostibilidade" (Carta de Aalborg) e comprometerse á realización dos seus obxectivos no ámbito provincial- intermunicipal, conforme coa redacción dada na Conferencia Europea sobre Pobos e Cidades Sostibles celebrada en Aalborg en maio de1994.
Promove-la realización das A21 locais de tódolos municipios da provincia de Ourense inscritos na Rede de Municipios Ourensáns Sostibles unha vez finalizado o procedemento no ámbito provincial- intermunicipal (24 meses).
Aprobación da ADHESIÓN DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE Ó PACTO DE ALCALDES POLA ENERXÍA SOSTIBLE.
Acordo:
Promove-la adhesión ó Pacto dos Alcaldes pola enerxía sostible entre as municipalidades do seu territorio e brindarlles apoio e coordinación a aquelas que o fagan.
Ofrecerlles asistencia técnica e estratéxica ás municipalidades que desexen entrar a formar parte do Pacto pero carezan dos recursos necesarios para elaborar un plan de acción para a enerxía sostible.
Ofrecer apoio e oportunidades de índole económica para o desenvolvemento e execución do Plan de Acción para a Enerxía Sostible.
Brindar asistencia na organización de días da enerxía locais, destinados a sensibilizar á cidadanía.
Informar periodicamente á Comisión do Pacto de Alcaldes sobre os resultados obtidos e participar na execución estratéxica do Pacto.
Desestima-lo recurso de reposición interposto polos deputados e deputadas do Grupo Provincial do PSdG-PSOE contra o acordo do Pleno da Deputación Provincial de 18 de xaneiro de 2013 polo que se rexeitou a creación dunha comisión de investigación sobre as contratacións de persoal da Deputación Provincial de Ourense dos últimos 20 anos, polos motivos expostos no informe de Secretaría Xeral de data 18 de febreiro de 2013.