Acordos do pleno ordinario da Deputación de Ourense de data 27 de decembro de 2013
DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DO EXERCICIO DAS FACULTADES QUE O CONCELLO DE BEARIZ TEN ATRIBUÍDAS EN MATERIA DE RECADACIÓN DA TAXA DA AUGA E DA TAXA DE SUMIDOIROS
Acordo:
Aceptar a delegación nesta Deputación Provincial das facultades que o Concello de Beariz ten atribuídas en materia de recadación da taxa da auga e da taxa de sumidoiros, así como das actuacións pendentes dos últimos catro anos e non prescritas, ao abeiro do establecido no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e artigo 7 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, co alcance, contido, condicións e vixencia que se establecen no acordo do Pleno do dito concello do día 25 de novembro de 2013. A dita delegación rexerase polas condicións xerais establecidas pola Deputación Provincial para a delegación de competencias nesta materia.
APROBACIÓN DAS BASES PARA A ELABORACIÓN E EXECUCIÓN DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL PARA O EXERCICIO 2014
Acordo:
Aprobar as bases para a elaboración e execución do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e da Rede Viaria Provincial para o exercicio 2014 co obxecto da regulación dos procedementos de elaboración e execución do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e da Rede Viaria Provincial para o exercicio 2014.
O Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais para o exercicio 2014 comprenderá as seguintes clases de investimentos:
- Investimentos en obras de mellora e conservación da rede viaria provincial, de titularidade da Deputación Provincial.
- Investimentos en obras de competencia municipal, preferentemente as necesarias para a efectiva prestación dos servizos municipais obrigatorios enumerados no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, así como no artigo 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia.
As solicitudes deberán dirixírselle ó presidente da Deputación, e deberán ter entrada no rexistro xeral de documentos da Deputación ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común ata o 31 de xaneiro de 2014 inclusive. Este prazo terá carácter improrrogable. A falta de formulación da solicitude en prazo dará lugar á perda do dereito á participación no Plan Provincial.
APROBACIÓN DA ORDENANZA REGULADORA DA REDE PROVINCIAL DE CENTROS DE RECOLLIDA DE ANIMAIS ABANDONADOS
Acordo:
Aprobar inicialmente a Ordenanza reguladora da Rede Provincial de Centros de Recollida de Animais Abandonados, sendo obxecto da presente Ordenanza a regulación da Rede Provincial de Centros de Recollida de Animais Abandonados de Ourense, creada en virtude do convenio marco de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e os concellos da provincia, publicado no Boletín Oficial da Provincia de 4 de xaneiro de 2013.
Esta ordenanza entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia, sempre que transcorrera o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
APROBACIÓN DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS POLOS SERVIZOS PRESTADOS NA REDE DE CENTROS DE RECOLLIDA DE ANIMAIS ABANDONADOS
Acordo:
Aprobar inicialmente a Ordenanza fiscal reguladora das taxas dos servizos prestados pola Rede Provincial de Centros de Recollida de Animais Abandonados.
Constitúe o obxecto da presente Ordenanza fiscal a ordenación e imposición das taxas correspondentes ós servizos intermunicipais prestados pola Rede Provincial de Centros de Recollida de Animais Abandonados, creada en virtude do convenio marco de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e os concellos da provincia, publicado no Boletín Oficial da Provincia de 4 de xaneiro de 2013.
Os servizos para cuxa prestación se impón o pagamento dunha taxa son os seguintes:
Recollida de animais domésticos extraviados
Recepción e mantemento nos centros de recollida dos animais domésticos de compañía (cans e gatos) que sexan entregados voluntariamente polos seus propietarios.
Entrega en adopción dos animais recollidos.
Cremación de animais domésticos de compañía.
Sacrificio de animais, no suposto en que este servizo sexa de recepción obrigatoria para os seus propietarios ou posuidores.
Normas comúns relativas ós elementos esenciais das taxas.
Na aplicación das taxas establecidas e reguladas na presente ordenanza, consideraranse propietarios ou posuidores dos animais domésticos ós que figuren como tales na información que conste no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía segundo o número de serie que obre no microchip, ou na placa ou tatuaxe do animal, ou aquel cuxa titularidade ou posesión do animal lle conste acreditada á administración provincial mediante calquera outro medio de proba admisible en Dereito.
Poderán ter a condición de propietario ou posuidor do animal tanto as persoas físicas e xurídicas como as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei Xeral Tributaria.
Responderán solidaria ou subsidiariamente das obrigas tributarias dos suxeitos pasivos as persoas físicas e xurídicas ás que a Lei Xeral Tributaria ou a Lei reguladora das facendas locais atribúe tal responsabilidade.
A prestación dos servizos gravados coas taxas establecidas na presente ordenanza constituirá un feito impoñible diferenciado para cada animal con respecto ó que se preste ó servizo, dando lugar á devindicación da correspondente taxa, incluso nos supostos en que varios animais pertenzan a un mesmo suxeito pasivo.
PRÓRROGA DO CONVENIO DE COOPERACIÓN ENTRE A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE E A SOCIEDADE GALEGA DE MEDIO AMBIENTE SA, PARA A XESTIÓN DAS MICROPLANTAS DE TRANSFERENCIA DE RESIDUOS SÓLIDOS URBANOS DA PROVINCIA DE OURENSE
Acordo:
Prorrogar o convenio de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e a Sociedade Galega de Medio Ambiente, SA, para a xestión das microplantas de transferencia de residuos sólidos urbanos da provincia de Ourense, por un período de dous anos, ata o 31 de xaneiro de 2016.
PRÓRROGA DOS DISTINTOS CONVENIOS DE COOPERACIÓN SUBSCRITOS POLA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE, EN RÉXIME DE COMPETENCIA DELEGADA, PARA A PRESTACIÓN, POR PARTE DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL, DO SERVIZO INTERMUNICIPAL DE PUNTOS LIMPOS
Acordo:
Prorrogar, ata o 31 de decembro de 2014, os actuais convenios de cooperación subscritos para a prestación por parte da Deputación, en réxime de competencia delegada, do servizo intermunicipal de puntos limpos na Mancomunidade Conso-Frieiras e concellos de Viana do Bolo e A Mezquita (BOP n.º 116 do 25 de maio de 2010 e BOP n.º 163 do 19 de xullo 2010), e Mancomunidade de Verín (BOP n.º 107, do 13 de maio de 2010).
Unha vez recibidos os acordos de aprobación da prórroga dos concellos afectados, o presente acordo será obxecto de publicación no BOP, para xeral coñecemento.
RATIFICACIÓN DA ADDENDA AO CONVENIO DE COLABORACIÓN DO 13 DE MAIO DE 2013, ENTRE A XUNTA DE GALICIA, A FEGAMP E AS DEPUTACIÓNS PROVINCIAIS PARA A CREACIÓN E IMPLANTACIÓN DOS GRUPOS DE EMERXENCIA SUPRAMUNICIPAIS (GES)
Acordo:
Con data 18 de decembro de 2013, a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes trasladoulle a esta Deputación unha addenda ao dito convenio de data 3 de decembro, cuxo contido, en síntese, é o seguinte:
Modifícanse os grupos de emerxencia supramunici0pal previstos, creándose dous novos grupos en Ourense (Maceda e Pereiro de Aguiar) e suprimíndose o grupo de Baños de Molgas, pola renuncia deste concello.
A addenda realiza a corrección dalgúns erros no convenio orixinal (cambiándose a referencia á cláusula 7ª contida na cláusula 2ª, por unha referencia ao Anexo I do convenio), clarificándose que a Deputación Provincial lles aboará a subvención directamente aos concellos e redistribuíndose o destino das cantidades achegadas por cada administración, sen modificar as contías nin as aplicacións orzamentarias fixadas no convenio.
Polo exposto, e considerando convenientes as modificacións incorporadas pola dita addenda, proponse que, trala ratificación da inclusión do asunto na orde do día, o Pleno adopte o seguinte acordo:
Ratificar a subscrición da addenda de 3 de decembro de 2013, ao convenio de colaboración do 13 de maio de 2013, entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e as deputacións provinciais para a creación e implantación dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES).