Acordos do pleno ordinario da Deputación de Ourense de data 30 de abril de 2014:

Compartir

-APROBACIÓN DO CÓDIGO ÉTICO E DE CONDUTA DA DEPUTACIÓN DE OURENSE.


-APROBACIÓN DA ORDENANZA REGULADORA DOS PROCEDEMENTOS DE SELECCIÓN DE PERSOAL FUNCIONARIO INTERINO E LABORAL AO SERVIZO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE.

A dita ordenanza ten por obxecto regular os procedementos de selección de persoal laboral de carácter temporal por parte da Deputación de Ourense. Os procedementos regulados na presente ordenanza serán de aplicación no disposto pola lexislación vixente para a selección de funcionarios interinos.


-APROBACIÓN DA MOCIÓN DO BNG RESPECTO DA FACTURACIÓN INDEBIDA POLO CONSUMO ELÉCTRICO MUNICIPAL

Apróbase a moción presentada polo BNG, coa emenda de adición do Grupo Popular que sinala: "Poñer a disposición dos concellos da provincia a asesoría xurídica da administración provincial en relación coas xestións necesarias para as reclamacións que procedan sobre a facturación indebida polo consumo eléctrico municipal".


-APROBACIÓN DA ORDENANZA REGULADORA DOS PREZOS PÚBLICOS POLOS SERVIZOS DE ACTIVIDADES CULTURAIS, DEPORTIVAS, EDUCATIVAS E DE OCUPACIÓN DO TEMPO LIBRE PROMOVIDAS POLA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE

Constitúe o obxecto da presente ordenanza a regulación do establecemento e fixación dos prezos públicos polos servizos de actividades culturais, deportivas, educativas e de ocupación do tempo libre promovidas pola Deputación Provincial de Ourense. As disposicións establecidas na presente ordenanza aplicaránselles aos ditos servizos cando estes carezan dunha regulación específica noutra ordenanza provincial.


-APROBACIÓN DO EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DOS CRÉDITOS ORZAMENTARIOS E DAS BASES DE EXECUCIÓN DO ORZAMENTO DO EXERCICIO 2014 MEDIANTE SUPLEMENTOS DE CRÉDITO, N.º 2/2014


-APROBACIÓN DA MODIFICACIÓN DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL DO EXERCICIO 2014, RELATIVA ÁS OBRAS MUNICIPAIS DOS CONCELLOS DE TRASMIRAS, TABOADELA E SARREAUS

Acordo:

Modificar o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2014 relativa ás obras municipais dos concellos de:

-Sarreaus, incorporando ó plan principal –en substitución da obra denominada "Reparación de camiños acceso ós pobos de Sarreaus"- a obra denominada "Pavimentación e abastecemento en Sarreaus" cun orzamento de execución de 45.000 €.

-Taboadela, incorporando ó plan principal –en substitución da obra denominada "Saneamento de augas residuais en San Fiz"- a obra denominada "Mellora e conservación da rede viaria municipal" cun orzamento de execución de 20.000 € e

-Trasmiras, fixando na cantidade de 45.000 € o investimento vinculado á execución da obra "Mellora da capa de rodadura da estrada C.N. 525-Moreiras"- co fin de destinar ata un máximo de 5.000 € á contratación dos servizos complementarios de redacción de proxecto, dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde da dita actuación.


APROBACIÓN DA ACEPTACIÓN DA DELEGACIÓN DE COMPETENCIA E APROBACIÓN INICIAL DO PROXECTO DE EXPROPIACIÓN FORZOSA POR TAXACIÓN CONXUNTA PARA A EXECUCIÓN DA OBRA DE AMPLIACION DA RÚA COSTUREIRAS 1ª FASE, NO CONCELLO DE AMOEIRO

Acordo:

1º.- Aceptar a delegación de competencia efectuada polo Concello de Amoeiro en sesión plenaria do 23 de xaneiro de 2014, para a tramitación do expediente expropiatorio para a execución da obra de ampliación da rúa Costureiras, 1ª fase.

2º.- Aprobar inicialmente o proxecto de expropiación para a execución da referida obra.

3º.- Someter a información pública o proxecto de expropiación polo prazo dun mes, de conformidade coa normativa vixente.


APROBACIÓN DA RESOLUCIÓN DOS CONVENIOS DE DELEGACIÓN DA XESTIÓN DAS PLANTAS DE TRANSFERENCIA DE RESIDUOS DAS COMARCAS DE CELANOVA E O RIBEIRO

Acordo:

Denunciar os convenios de cooperación subscritos por esta Deputación Provincial coa Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de Concellos do Ribeiro e coa Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Terra de Celanova para a regulación da xestión delegada das microplantas de transferencia de residuos sólidos urbanos das comarcas do Ribeiro e da Terra de Celanova.

En virtude da anterior denuncia, e de conformidade co establecido na cláusula 7ª.1.b) dos convenios de referencia, estes quedarán resoltos con efectos do 1 de xaneiro de 2015.

A liquidación dos convenios, incluíndo o traspaso dos medios financeiros, materiais e humanos adscritos ó servizo, corresponderalle á comisión de control e seguimento de cada convenio.


APROBACIÓN DA CREACIÓN DE DOUS GRUPOS DE TRABALLO PARA O ESTUDO E SEGUIMENTO DA SITUACIÓN DOS CONTRATOS ADMINISTRATIVOS DA ESCOLA DE EQUITACIÓN E DO APARCAMENTO ANEXO AO HOSPITAL SANTA MARÍA NAI

Unha vez vista a solicitude formulada no seu día polo Grupo Socialista, para a creación dunha comisión de seguimento da situación do contrato relativo ao aparcamento anexo ao Hospital Santa María Nai, así como a pregunta formulada por este mesmo grupo político na comisión informativa de Agricultura e Medio Ambiente do 24 de abril de 2014, relativa á situación do contrato administrativo especial de xestión da Escola de Equitación de Vilamarín, considérase oportuno a realización dun adecuado estudo e seguimento da situación dos ditos contratos administrativos coa participación dos grupos políticos.

Polo exposto, trala proposta da Presidencia, o Pleno acorda:

Crear dous grupos de traballo para o estudo e seguimento da situación dos contratos administrativos relativos á Escola de Equitación de Vilamarín e o aparcamento anexo ao Hospital Santa María Nai.

Os ditos grupos de traballo estarán integrados polo presidente e un representante de cada grupo político, sen prexuízo da obrigatoriedade da comparecencia ás sesións dos ditos grupos dos empregados públicos provinciais cuxa presenza se estime oportuna, por orde da Presidencia ou por acordo do propio grupo de traballo.

Os grupos de traballo constituídos levarán a cabo as actuacións necesarias para determinar a situación dos contratos administrativos a que se refiren, podendo formular as conclusións ou recomendacións que considere oportunas ante a comisión informativa competente.


APROBACIÓN DUNHA INICIATIVA CONXUNTA DOS TRES GRUPOS POLÍTICOS PP, PSOE E BNG EN RELACIÓN COAS INFORMACIÓNS PÚBLICAS DE TRAZADO E AMBIENTAL DA A-76 POLO QUE RESPECTA AO TRAZADO QUE AFECTA Á RIBEIRA SACRA (OURENSE-MONFORTE)

Acordo:

1º) Solicitar ao Ministerio de Fomento que reinicie unha nova información pública cun trazado definitivo, claro e único, antes de comezar a redacción dos proxectos de trazado e construtivos, para que os administrados dispoñan dun período de alegacións, tanto para o trazado como para os aspectos medioambientais.

2º) Que o Ministerio de Fomento teña en conta a tramitación actual da candidatura da "Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade", tendo en conta as súas peculiaridades paisaxísticas, ambientais, culturais e económicas.