Acordos do pleno ordinario da Deputación de Ourense de data 31 de xaneiro de 2014

Compartir

*APROBACIÓN DEFINITIVA DA RPT 2014

Acordo:

Aprobar definitivamente, coa incorporación das alegacións estimadas, a Relación de Postos de Traballo para o exercicio 2014, ordenando a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

*APROBACIÓN DEFINITIVA DO PLAN DE ORDENACIÓN DE RECURSOS HUMANOS 2014

Acordo:

Aprobar definitivamente, coa incorporación da reclamación estimada, o Plan de Ordenación de Recursos Humanos 2014, ordenando a súa publicación no BOP.

* APROBACIÓN DAS CONCLUSIÓNS DA COMISIÓN INFORMATIVA ESPECIAL SOBRE OS PROXECTOS DAREDO E DEPUTRANS

Acordo:

Aprobar as conclusións da Comisión informativa especial sobre os proxectos Daredo e Deputrans, co seguinte contido literal:

1.- No se deron, por parte dos órganos políticos, instrucións, recomendacións ou insinuacións para que polos técnicos se estableceran unhas condicións determinadas que viñesen predeterminar ou favorecer a adxudicación dos contratos cara algunha empresa determinada.

2- Non se determina intervención de órganos políticos nos traballos dos técnicos que tramitan o expediente de contratación dos proxectos Daredo e Deputrans.

3.- A intervención dos técnicos nas distintas fases e trámites do expediente de contratación é seguindo exclusivamente criterios e normas técnico-xurídicas.

4.- Non se determinan responsabilidades políticas, nin administrativas, ou doutra orde dos órganos políticos que autorizan o expediente de contratación.

5.- Non se determinan responsabilidades administrativas, nin doutro tipo, dos técnicos que interveñen no expediente.

6.- Asumir na súa totalidade as alegacións realizadas pola Presidencia da Deputación provincial no expediente de reintegro iniciado pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios, organismo dependente do Ministerio de Facenda.

7.- Elevar estas conclusións á Presidencia da Diputación para o seu traslado ao Pleno da Corporación e, se se estima, a súa posterior remisión ao Xulgado de Instrución n.º 2 de Ourense para os efectos das Dilixencias Previas 416/2009.

*APROBACIÓN DO PLAN ESTRATÉXICO DE SUBVENCIÓNS DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE E DO INORDE PARA O EXERCICIO 2014

Acordo:

Aprobar o Plan estratéxico de subvencións da Deputación Provincial de Ourense e do INORDE para o exercicio 2014

O Plan estratéxico concíbese, dada a súa natureza e configuración legal, como un instrumento programático. Non obstante, establécese un nivel mínimo de vinculación co plan, en dous sentidos: en primeiro lugar, prohibindo a concesión de subvencións para liñas de acción non previstas no plan, e, en segundo lugar, establecendo unha específica obriga de motivación das desviacións que eventualmente se produzan respecto das súas previsións.

O Plan estrutúrase en cinco liñas de acción iniciais (cooperación coas entidades locais, fomento da cultura, fomento da educación, fomento do deporte, fomento do benestar social e fomento do desenvolvemento económico) en coherencia coas competencias provinciais e coas previsións dos orzamentos xerais da Deputación Provincial para o exercicio 2014. Ademais, prevese a posibilidade de abrir unha sexta liña de acción, dedicada ao fomento do asociacionismo veciñal, no caso de que coa liquidación do exercicio 2013 resulten remanentes suficientes para o seu financiamento.

No primeiro cuadrimestre de 2015 a Área de Administración Xeral emitirá un informe sobre o grao de execución do presente Plan estratéxico, no que se analizarán as principais incidencias e desviacións experimentadas, e que poderá conter propostas de mellora dos plans sucesivos. Deste informe daráselle conta ao Pleno da Deputación na primeira sesión ordinaria que realice, e o seu contido terase en conta para a planificación estratéxica que se elabore para o exercicio 2016 e seguintes.

*APROBACIÓN DAS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA PROVINCIAL DE ASISTENCIA TÉCNICA, ECONÓMICA E XURÍDICA AOS CONCELLOS E MANCOMUNIDADES EN MATERIA DE SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS PARA O EXERCICIO 2014

Acordo:

Aprobar as bases reguladoras do Programa Provincial de Asistencia Técnica, Económica e Xurídica aos Concellos e Mancomunidades en materia de Servizos Sociais Comunitarios para o exercicio 2014.

Constitúe o obxecto do Programa Provincial de Asistencia Económica, Técnica e Xurídica ós Concellos en materia de Servizos Sociais Comunitarios para o exercicio 2014 o establecemento, de xeito integral e detallado, regulando os trámites para a súa total execución, das accións que lle corresponde desenvolver á Deputación Provincial de Ourense en virtude das competencias atribuídas polos artigos 109.1.b) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, 63 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia e 31 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

En consecuencia, e ó abeiro dos preceptos citados, o obxecto do Programa cínguese á programación detallada das accións de asistencia técnica, económica e xurídica ós concellos con menos de 20.000 habitantes na execución das súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios básicos. Para estes efectos, inclúense tamén as mancomunidades intermunicipais que xestionen servizos sociais dun conxunto de municipios con menos de 20.000 habitantes, ó tratarse de meras entidades instrumentais dos concellos que exercen competencias delegadas por aqueles.

Tendo en conta o disposto no artigo 31.3 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, este Programa estrutúrase en tres accións:

1ª) Acción 1: asistencia económica, co obxecto de garantir o financiamento ós concellos e mancomunidades de menos de 20.000 habitantes para a contratación ou nomeamento de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios con perfís profesionais diferentes e complementarios ó do profesional de referencia que se regula no artigo 37 do Decreto.

2ª) Acción 2: asistencia económica co obxecto de garantir o financiamento do servizo de axuda no fogar básico ós concellos e mancomunidades de menos de 20.000 habitantes.

3ª) Acción 3: asistencia técnica e xurídica en materia de servizos sociais, complementaria da asistencia económica. Esta prestación levarase a cabo por persoal da Área de Benestar da Deputación, consistindo na emisión de informes técnicos e xurídicos en materia de servizos sociais. Este servizo prestarase de xeito prioritario ás entidades locais correspondentes a áreas rurais de menos de 5000 habitantes e rurais de alta dispersión.

*APROBACIÓN DAS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA PROVINCIAL DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS PARA A REALIZACIÓN DE ACTUACIÓNS DE LIMPEZA DAS MARXES DAS REDES VIARIAS MUNICIPAIS E PROVINCIAIS DURANTE O EXERCICIO 2014.

Acordo:

Aprobar as bases reguladoras do Programa provincial de cooperación cos concellos para a realización de actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipais e provinciais durante o exercicio 2014.

Constitúe o obxecto destas bases a regulación da concesión de subvencións a concellos e mancomunidades da provincia de Ourense para o financiamento da contratación de choferes de máquinas rozadoras, en réxime laboral e durante un período mínimo de tres meses (que en todo caso deberá comprender as datas nas que a Deputación estableza a limpeza obrigatoria dun número mínimo de quilómetros da rede viaria provincial).

Nos supostos de contratación que non comprendan meses naturais completos, para o cálculo do cumprimento do período mínimo esixible computaranse os días naturais da contratación, considerándose un mes por cada trinta días naturais.

A finalidade da subvención é colaborar economicamente cos concellos e mancomunidades no sostemento do servizo público de limpeza da rede viaria municipal (servizo que se considera incluído no servizo mínimo obrigatorio de acceso aos núcleos de poboación, recollido no artigo 26 da Lei de bases de réxime local) e no cumprimento das obrigas establecidas na lexislación galega de prevención de incendios forestais. Esta colaboración condiciónase a que por parte dos concellos e mancomunidades se realicen labores de limpeza das marxes das vías provinciais e municipais, co obxectivo último de garantir o mantemento das vías en condicións axeitadas de limpeza e seguridade, dándolle ademais cumprimento ao establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais.

*APROBACIÓN DA MOCIÓN A RESPECTO DA PRESENTACIÓN DA MOCIÓN DE CENSURA DA MEZQUITA

Acordo:

"O Pleno da Deputación de Ourense CONDENA calquera vulneración da normativa e acordos entre forzas políticas a nivel estatal en contra do transfuguismo".

 

 

Ourense, 31 de xaneiro de 2014