Actividades de ocio infantil na Peroxa durante a ponte de San Xosé
- A iniciativa, na que colabora a Deputación de Ourense, desenvolverase do 15 ao 19 de marzo, no polideportivo Anxo Munín.
Ourense, 15 de marzo de 2019.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o alcalde e o concelleiro da Peroxa, Manuel Seoane e Jose Manuel Rodríguez, presentaron hoxe no Pazo Provincial, o programa de actividades de ocio infantil que se celebrarán neste municipio durante a ponte de San Xosé. As actividades dirixidas aos máis cativos, coas que colabora a Deputación de Ourense, consistirán nunha pista de xeo sintético e inchables que estarán situadas no polideportivo Anxo Munín, do 15 ao 19 de marzo, en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, excepto o venres e o luns que só estarán abertas en horario de tarde. O prezo será de 4 euros por xornada e inclúe tamén patíns.
As actividades estrelas serán a pista de xeo de 200 metros cadrados e a inchable de grandes dimensións de 70 metros de longo. Ademais, os pais poderán aproveitar para descubrir a riqueza gastronómica e turística do municipio, mentres os nenos gozan das actividades acompañados por monitores.