Alan Solomont apoia en Ourense a misión comercial de empresas USA, certificada polo Goberno dos Estados Unidos
- O presidente da Cámara Bilateral USA-España afirma que traer unha misión norteamericana a Ourense "xa é un éxito en si mesmo".
Ourense, 19 de xuño de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu en Ourense ao presidente da Cámara Bilateral USA-España e exembaixador de Estados Unidos en España, Alan Solomont, quen puxo o colofón á misión comercial de empresas USA en Ourense, a primeira que se realiza na provincia, e que contou coa participación récord de 20 compañías de Estados Unidos que pecharon 130 acordos de colaboración con empresas ourensás.
A axenda de Solomont en Ourense incluíu, ademais de reunións empresariais, unha visita á cidade e ao Pazo Provincial, nas que estivo acompañado por Manuel Baltar, pola congresista norteamericana Loretta Sánchez, e polo presidente da Fundación Advanced Leadership, Juan Verde, visita na que Alan Solomont asinou no Libro de Honra da Deputación de Ourense.
Solomont cualificou de "éxito" o solo feito "de traer xa unha misión norteamericana a Ourense", e eloxiou a iniciativa impulsada por Manuel Baltar e o labor realizado neste sentido pola fundación que preside Juan Verde. "Na etapa na que tiven responsabilidades diplomáticas a miña prioridade foi potenciar os negocios e as relacións comerciais entre Estados Unidos e España, polo cal unha misión como esta non poder ter outro cualificativo que "fantástica", polas expectativas e posibilidades reais de alianzas que se xeran entre empresas ourensás e estadounidenses".
Pola súa banda, Manuel Baltar agradeceu a Alan Solomont a súa presenza en Ourense "e que participara activamente para que esta misión comercial USA-Ourense tivese os magníficos resultados que acadou, con 130 acordos de colaboración entre empresas, o que nos fai seguir traballando nesta liña para promover no futuro novas iniciativas que nos permitan achegar aínda máis valor á "marca Ourense", á promoción da nosa provincia e á internacionalización das nosas empresas".