Aprobación da programación anual da Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense

Compartir

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a programación anual da Escola de Artes e Oficios correspondente ao curso 2012-2013. Segundo a proposta formulada pola Dirección da Escola, a Xunta de Goberno aprobou desenvolver no vindeiro curso, que comezará o 15 de outubro e rematará o 30 de xuño, as seguintes accións formativas: debuxo e iniciación á pintura, unificando debuxo artístico e debuxo para pintura; perfeccionamento en pintura; talla de madeira; modelado e oleiría e esmalte de cerámica, unificando neste caso as anteriores de oleiría e esmalte.

No que atinxe ao calendario lectivo, impartiranse ata tres horas de docencia diarias de cada disciplina en días hábiles, e en horarios que fixará a Dirección da Escola. Cada disciplina contará cun profesor específico, cun total de cinco profesores. Asemade, en función da matrícula existente, a dirección poderá organizar o contido de cada disciplina nos grupos e horarios que se estimen máis convintes.

A impartición dos cursos levarase a cabo nas aulas da Escola de Artes e Oficios utilizando os medios materiais dispoñibles, e o material de traballo de cada alumno (pintura, lenzos, molduras, etc.) será por conta deste. Como excepción, no curso de oleiría, esmalte e modelado, a Deputación de Ourense adquiriralle o barro a un distribuidor e cobrarallo aos alumnos a prezo de custo, sen prexuízo de que estes poidan adquirilo pola súa conta, se así o desexan.

O prazo de inscrición será do 17 de setembro ao 11 de outubro, ambos inclusive. A inscrición realizarase no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" no modelo normalizado dispoñible nas ditas oficinas e esixirase o ingreso de matrícula anual establecida. A presentación do formulario de inscrición coa acreditación do pago de matrícula permitirá entender automaticamente realizada esta.

Os prezos públicos determinados para este curso pola participación en accións formativas son: matrícula anual por disciplina: 50 €, e abono mensual por disciplina: 10 €/mes por alumno, excepto no mes de outubro, que queda exento do pago do abono mensual. A matrícula debe ser pagada no momento da inscrición, constituíndo requisito previo imprescindible para a súa efectividade.