Aprobada co apoio maioritario a RPT 2018 da Deputación de Ourense

Compartir

  • Jorge Pumar subliñou o voto favorable dos sindicatos a un documento "que actualiza o organigrama funcionarial reflectindo o contacto continuo do grupo de goberno provincial cos concellos e os cidadáns, garantindo a prestación dos mellores servizos".

Ourense, 6 de xuño de 2018.- A Mesa Xeral de Negociación da Deputación de Ourense aprobou esta mañá co apoio maioritario das forzas sindicais, Comité de Empresa e Xunta de Persoal a Relación de Postos de Traballo (RPT) 2018, un documento que facilitará a creación de novos postos de traballo na institución provincial nun proceso aberto de adaptación e actualización a servizos e novas necesidades.

A aprobación inicial da RPT 2018, que se presentará ao pleno ordinario de xuño, pon o punto final a un período de negociación iniciado a finais de febreiro e que precisou de ata seis reunións entre os integrantes da Mesa Xeral, na que figuran os representantes da Deputación, Comité de Empresa, Xunta de Persoal e os sindicatos CSIF (maioritario), USO, CCOO, CIG e UGT.

A clave da Relación de Postos de Traballo 2018 reside nun organigrama funcionarial polo que se crean novos empregos e se actualizan as fichas que definen as competencias e funcións de cada traballador.

O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar, subliñou o apoio maioritario das forzas sindicais a este documento, engadindo que o novo organigrama da Deputación "reflicte o contacto continuo do grupo de goberno provincial cos concellos e os cidadáns, garantindo deste xeito a prestación dos mellores servizos".