Aprobada a convocatoria da XI edición do Premio "Estatuto de Autonomía para Galicia" de debuxo e redacción escolar
Esta XI edición do Premio Estatuto de Autonomía para Galicia convocada pola Deputación de Ourense, levará o lema “A defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego”.
Un ano máis, mantense esta convocatoria, na que a Deputación, pretende conmemorar a aprobación do Estatuto de Autonomía para Galicia e contribuir á difusión e o coñecemento do seu contido e significado entre a poboación escolar.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores, poderán participar neste certame estudantes de infantil, primaria, educación especial e ensinos secundarios obrigatorios, así como de bacharelato e ciclo medio de FP, de centros de ensino en xeral, tanto públicos como concertados ou privados, da provincia de Ourense.
O prazo de presentación dos traballos finalizará o venres 22 de marzo, ás 14:00 horas.
As modalidades do concurso serán dúas; o alumnado de educación infantil, primaria e educación especial deberá presentar debuxos ou traballos artísticos; mentres que o resto concursarán cunha redacción en galego sobre o Estatuto de Autonomía cunha extensión mínima de 7 folios e máxima de 12.