Aprobadas as bases para o programa de Termalismo Saudable e Cultura Termal 2021
• Na Xunta de Goberno celebrada hoxe concedéronse máis de 340.000 euros en subvencións a clubs deportivos ourensáns e preto de 193.000 euros en cooperación con entidades culturais e veciñais e concellos.
Ourense, 20 de setembro de 2021.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida hoxe por vía telemática baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou as bases do programa de Termalismo Saudable e Cultura Termal de 2021, que oferta estancias e tratamentos en sete balnearios da provincia, facilidades para a mobilidade e a oportunidade de coñecer os recursos naturais e culturais da provincia. Unha iniciativa que procura o desenvolvemento e promoción dun sector económico e social estratéxico no marco do plan "Ourense, Provincia Termal". As axudas incluídas neste programa concederanse por orde de recepción das solicitudes ata esgotar o seu orzamento total, que alcanza os 40.000 euros.
O programa de Termalismo Saudable consta de dúas modalidades: estancias balnearias con ou sen transporte en tren, e tratamentos terapéuticos sen estancia. As estancias balnearias, con axudas que van desde os 10 ata os 60 euros, terán unha duración de seis días, de luns a sábado, en réxime de pensión completa, incluíndo 10 técnicas balnearias, a posibilidade de revisión médica e animación social. Para as estancias con transporte en tren, os usuarios teñen incluído o billete de ida e volta desde algunha das "estacións termais" que participan no programa –referidas no convenio subscrito entre Deputación de Ourense e Renfe- con destino á estación de Ourense. Neste caso, os balnearios proporcionan o traslado ata as instalacións e rutas culturais seleccionadas. Existen tamén estancias con ou sen tren para grupos formados por un mínimo de 20 persoas. Os tratamentos terapéuticos sen estancia (reumatolóxico e respiratorio) inclúen axudas de entre 20 e 70 euros, con consulta médica e a posibilidade de realizar 35, 20 ou 10 técnicas balnearias repartidas ao longo de 15 días.
O programa de Cultura Termal financia con entre 10 e 20 euros estancias de fin de semana nos balnearios da provincia de dous días de duración, de sábado a domingo, incluíndo pensión completa e dúas técnicas balnearias para adultos.
Os balnearios adheridos ao programa son os de Baños de Molgas, O Carballiño, Arnoia, Laias, Lobios, Cortegada e Caldas de Partovia. As solicitudes poderán presentarse por vía telemática (termalismourense.com) desde o día seguinte á publicación destas bases na Base de datos Nacional de Subvencións.
A Xunta de Goberno tamén aprobou a concesión de subvencións a clubs deportivos ourensáns para o presente ano por un importe superior aos 340.000 euros, axudas das que se beneficiarán preto de 80 clubs, asociacións e escolas que representan a máis de trinta disciplinas.
No capítulo de cooperación con entidades, a Asociación Impulsora da Casa da Lusofonía recibirá 14.000 euros para a creación dunha sede en Ourense; a Asociación de Veciños de Puxedo (Lobios) contará con 27.000 euros para o Ecomuseo do Pan do Xurés e implementar de ferramentas tecnolóxicas; e o Club Deportivo Arenteiro disporá de 15.000 euros para gastos de funcionamento. Este apartado complétase coa concesión de 6.000 euros á Federación Galega de Atletismo para actividades en pista cuberta; 20.000 euros para a Fundación Carlos Velo con destino a gastos de funcionamento; e 17.000 euros a favor de Juan Pablo Rivas para o Congreso de Innovación e Ideas Disruptivas celebrado en 2020.
No capítulo de cooperación cos concellos aprobáronse dúas axudas: 48.000 a favor do Concello de Avión para executar obras na estrada que une Vilar e Barroso, e case 46.000 euros para a construción dun depósito de auga destinado á protección contra incendios no polígono industrial de San Cristovo de Cea.
Sinalar por último a modificación do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do presente exercicio, relativa a unha obra do Concello de Pereiro de Aguiar.