Aprobados preto de 783.000 euros en axudas para cooperación cos concellos e cultura

Compartir

Ourense, 16 de agosto de 2021.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida hoxe por vía telemática baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a concesión de preto de 783.000 euros en subvencións para cooperación cos concellos e actividades culturais. Neste último capítulo, a Deputación concedeu unha axuda de 20.000 euros ao Instituto de Estudos Valdeorreses para gastos de funcionamento e outra achega de 5.000 euros á asociación cultural audiovisual Vía XIV para o Festival Internacional de Curtas de Verín.

Polo que respecta a cooperación local, na sesión aprobouse unha achega de 48.000 euros ao Concello de Bande para obras de reparación en vías municipais; tamén polo mesmo importe, unha axuda ao Concello da Bola para a mellora da fosa séptica na localidade de Podentes; e 120.000 euros para Celanova destinados a obras de saneamento en Mandrás. O Concello de Larouco recibirá dúas subvencións, a primeira delas por un importe superior a 27.000 euros cofinanciar un proxecto do IDAE de aforro e eficiencia enerxética no alumeado público, e unha segunda axuda de algo máis de 4.500 euros para a mellora de accesos a predios no alto do Barreiro, en Freixido.

No mesmo capítulo, a Xunta de Goberno aprobou preto de 48.000 euros para o Concello de Monterrei que se investirán en actuacións urxentes no balneario de Requeixo; 66.000 euros para Nogueira de Ramuín destinados a un proxecto de aforro enerxético no alumeado público; 30.000 euros para o alumeado do centro de saúde e gardería municipal en Paderne de Allariz; e 48.000 euros tamén para alumeado de parroquias na Peroxa.

Aínda no capítulo de cooperación, aprobáronse dúas axudas ao Concello de Riós: preto de 33.000 euros para o acondicionamento da praza pública de Progo, e 10.000 euros para a reforma da cuberta e fachada da capela de Santa Ana. O Concello da Rúa disporá de 48.000 euros para obras na rúa Pireira; San Xoán de Río contará con case 44.600 euros para a pista polideportiva; o Concello de Vilamarín recibirá senllas subvencións por importe de 80.000 e 70.000 euros para a mellora da eficiencia no alumeado exterior; e Xunqueira de Espadanedo disporá de preto de 33.000 euros para mellorar a rede de abastecemento en Freca.