A artista ourensá Sandra Varela Rodríguez recibe o premio do XIV "Certame de Artes Plásticas" da Deputación de Ourense

Compartir

  • O vicepresidente da Deputación de Ourense participou hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" na entrega dos galardóns deste certame dirixido a artistas menores de 30 anos.

Ourense, 7 de setembro de 2017.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, entregou esta tarde, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", o premio, dotado con 3.000 euros, á gañadora da XIV edición do "Certame de Artes Plásticas" que organiza a Deputación de Ourense para artistas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, pola súa obra "Sutura".

O segundo premio, dotado con 2.000 euros, foi para David Catá (David Rodríguez Casas)) pola súa obra "Sonidos ahogados" e o terceiro premio, dotado con 1.000 euros, recaeu en Julia Huete Iglesias pola obra "Blanco"; "El pájaro". En canto aos dous accésits de 500 euros cada un deles, foron para Aram Iglesias Ríos coa súa obra "Teatro Internacional de los derechos humanos" e para Rebeca Lar (Rebeca López Villar) polo traballo "S/T(definición de bruja)".

Este certame, un dos máis consolidados e prestixiosos de Galicia, "está organizado pola Deputación de Ourense co obxectivo de promover e apoiar aos novos valores nos distintos eidos das artes plásticas está destinado a premiar e difundir os traballos dos creadores máis novos", dixo Rosendo Fernández, quen felicitou aos galardoados e a tódolos participantes "pola elevada calidade dos traballos presentados tal e como destacou na acta o xurado do premio".

En total presentáronse nesta edición ao certame máis de cen traballos procedentes de tódalas provincias galegas e de diferentes puntos da xeografía española como Alacante, Asturias, Barcelona, Cáceres, Cidade Real, Xirona, Xaén, León, Madrid, Sevilla, Salamanca, Valladolid, Zamora e As Palmas de Gran Canaria.

Ademais da entrega de premios, o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación acolle desde hoxe unha nova mostra nas súas instalacións cunha selección dos traballos que foron presentados ao certame.

No acto tamén participaron algúns dos integrantes do xurado do Certame que estivo formado polo profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Xosé Manuel Buxán Bran; a crítica de arte e comisaria de exposicións, Paula Cabaleiro Comesaña; o artista visual, Ángel Cerviño López; o director do Centro Galego de Arte Contemporáneo en Santiago de Compostela, Santiago B. Olmo García; e a crítica de arte e comisaria de exposicións, Mercedes Rozas Caeiro. O secretario do xurado foi o director do Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación, Francisco González.